- Tematica
A Aula da Natureza de Ames segue organizando durante este mes de novembro diversas actividades dentro da súa programación de outono. O pasado 19 de novembro celebrouse un obradoiro de creación de xoias naturais para adultos, e este sábado, 26 de novembro, está programada unha nova quenda. Nesta ocasión participarán rapaces e rapazas de entre 10 e 16 anos. Aínda quedan prazas dispoñibles, e as inscricións poden realizarse enviando a seguinte ficha debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
A finalidade do taller é a creación de pezas inmersas en resina a partir de material recollido no monte (musgo, anacos de follas, mica...). Cada un dos asistentes elabora o seu propio deseño, elixindo as súas pezas e colocándoas ao seu gusto para chegar a facer xoias artesanais.
O obradoiro será impartido por persoal de Malas Herbas Artesanía nas instalacións da Aula da Natureza, no lugar de Quintáns (Ameixenda), e porase a disposición dos asistentes un servizo de autobús, que saíra ás 10:30 horas da Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10:45 horas do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e regresará ás 13:45 a Bertamiráns e ás 14:00 ao Milladoiro.
Todos os interesados en inscribirse poden facelo ata este xoves, 24 de novembro ás 14:00 h. Para anotarse é necesario descargar a ficha de inscrición que se pode atopar nesta ligazón e enviala cuberta ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 004 665.
Na quenda do día 19 participaron 18 persoas, que crearon unha gran diversidade de traballos en bases metálicas ou de madeira e somerxidos en resina: broches, pendentes, colgantes, aneis... Cada un dos asistentes combinou os distintos “anacos de bosque” para deseñar as súas propias xoias. Para logralo, empregáronse materiais como a lor de zenouta, follas prensadas, liques, distintas herbas...
Última quenda de “Outono de cogomelos”
“Outono de cogomelos” é outra das actividades planificadas pola Aula da Natureza para este outono, e xa esgotou as súas prazas. Trátase de saídas de campo guiadas e pensadas para todos os públicos, nas que os participantes poden recoller cogomelos polas fragas, piñeirais, prados e carballeiras das parroquias de Ames e de fóra do Concello. Nelas búscase impartir diversas nocións sobre estes fungos á veciñanza. A última das quendas programadas será tamén este sábado, 26 de novembro, de 10:30 a 17:30 horas.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Prazas libres para rapaces no taller de xoias naturais"