- Tematica
O Concello de Ames pon en marcha por oitavo ano consecutivo os Premios Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que sexan propostas ata o 21 de novembro por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar. A dotación económica dos dous premios que se outorgan é de 1.500 euros, que serán repartidos entre dúas categorías. A organización destes premios corre a cargo das Concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica. Un total de 72 empresas presentáronse a este certame nas sete edicións anteriores, das cales 16 foron premiadas. Premendo nestas ligazóns pódense descargar as bases do concurso e a ficha de inscrición.
O salón de Plenos, na Casa do Concello, acolleu esta mañá a presentación da oitava edición dos Premios Lingua e Empresa, nun acto no que estiveron presentes o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras; e tres representantes de Xuntanza de Empresarios de Ames: o presidente, Ramón Cordido, un dos vogais, Jorge López e maila xerente, Beatriz López.
Trátase do oitavo ano consecutivo no que se pon en marcha esta iniciativa co obxectivo de estimular o uso da lingua galega na actividade económica do concello de Ames, concretamente na actividade empresarial, e para recoñecer publicamente a contribución desde este sector ao aumento e á mellora do uso social do galego. Esta iniciativa está dirixida ás empresas que teñan a súa sede social ou un centro de actividade no concello de Ames.
Presentación dos premios Lingua e Empresa
O alcalde de Ames, Blas García, dixo que “imos pola oitava desta iniciativa, polo que xa son uns premios consolidados. Xa participaron preto dun cento de empresas do noso concello, que amosa a gran variedade do noso tecido comercial e empresarial e tamén a a súa aposta polo uso da lingua galega no seu traballo diario e na promoción dos produtos e servizos que ofrecen. Nós como somos ambiciosos, queremos que sexan moitas máis as que se presenten a estes premios, porque o uso do galego no comercio e no sector empresarial é sinónimo de calidade e de proximidade”.
Ademais, engadiu “temos que seguir apoiando este tipo de campañas para que o galego non sexa unha lingua morta. O galego é o gran tesouro que temos no noso pais e o gran símbolo da nosa cultura e somos moi afortunados de ter unha lingua propia. Nós imos seguir apoiando o galego con esta iniciativa e outras”.
Por outra banda, a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, destacou que “temos constancia de que en Ames xa son moitas as empresas que traballan con normalidade en galego, polo que é importante fortalecer e establecer unha rede de empresas que usan o galego en Ames, e crear espazos de encontro entre o persoal de ditas empresas. Nesta convocatoria de premios pode participar calquera empresa amesá ou que teña un centro de actividade aquí no concello de Ames”.
Rosa Moreiras tamén apuntou que “ao longo destes anos preto de 75 empresas concorreron a estes premios e hai empresas moi diversas, dende locais de hostalaría, tendas de estética, xestorías, un local de vídeo-xogos, etc. Na actualidade as empresas xa son conscientes das vantaxes que lles achega o uso da lingua galega porque é unha marca de distinción, de responsabilidade social e de confianza”.
Bases da convocatoria
Os aspectos que se valoran para a concesión deste recoñecemento son a utilización do galego na comunicación interna e externa, tanto oralmente como por escrito, e o impacto que a actividade da empresa poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.
Teranse en conta a páxina web e as redes sociais da empresa, se as utilizase, así como as campañas publicitarias ou materiais promocionais que empregue en calquera soporte. Tamén se valorará a sinalética e a comunicación do establecemento empresarial de cara á clientela (uso habitual do galego co seu público e nas súas actividades e servizos), así como entre o persoal e os diversos departamentos (se os houbese).
Para a comprobación deses méritos, as empresas candidatas deberán achegar os enlaces de información web correspondentes ou achegar materiais impresos, ademais de facilitar ao Concello toda a información que se lles requira sobre a súa comunicación interna e externa.
Categorías e dotación económica
A oitava edición dos premios divídese, un ano máis, en dúas categorías. A primeira engloba ás empresas que teñen un uso consolidado e estable do galego dende hai máis de dous anos, mentres que a segunda recoñece a todas aquelas que naceron nos últimos dous anos ou que incorporaron o galego nese período. En ambos casos a data que se toma como referencia é o 21 de novembro de 2023. As empresas que mudaron os seus usos lingüísticos para incorporar o galego deben acreditar ditos cambios.
A dotación económica será de 3.000 euros, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, as gañadoras contarán cunha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal do concello.
Prazos de presentación das candidaturas
O prazo de presentación de candidaturas xa está aberto e remata o día 21 de novembro de 2025 ás 14:00 horas.
As persoas interesadas deberán descargar e cubrir a ficha de participación que se pode atopar nesta ligazón e enviala ao correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, xunto coa documentación correspondente, ou presentala de xeito telemático a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Para máis información ou para solicitar a ficha de participación pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames a través do número de teléfono 662 377 215 ou mediante o correo normalizacion@concellodeames.gal / promocioneconomica@concellodeames.gal.











