Solapas principales

Ames acolle as xornadas de sensibilización “Por unha Rede Cultural accesible”

Domingo, 10 de mayo de 2026

O Concello de Ames acollerá o vindeiro venres, 22 de maio, dende as 10.30 horas, os encontros de sensibilización “Por unha Rede Cultural accesible”, unha iniciativa impulsada por Escena Galega e a Deputación da Coruña que busca compartir coñecementos, practicas e ferramentas coas que facer accesible a Rede Cultural. Estas xornadas están dirixidas tanto ao persoal técnico municipal involucrado na xestión das actividades da Rede Cultural como a outros perfís profesionais.

O Pazo da Peregrina será a sede das xornadas de sensibilización “Por unha Rede Cultural accesible”, un proxecto potenciado por Escena Galega e a Deputación da Coruña co obxectivo de formar e achegar ferramentas para potenciar a accesibilidade a este proxecto. O programa vai dirixido por un lado ao persoal técnico municipal involucrado na xestión das actividades da Rede Cultural, así como a outros perfís profesionais (conserxes, persoal de comunicación, bibliotecarias, cafetería, limpeza, etc). 

As xornadas teñen un enfoque informativo. Deste xeito, o programa está orientado a achega a accesibilidade mediante información útil e de contexto: terminoloxía, empatía, trato con persoas con discapacidade, lexislación, e repertorio de medidas e ferramentas de accesibilidade. Ademais, durante estes encontros participarán persoas con discapacidade visual, auditiva e cognitiva, achegando en primeira persoa as necesidades reais para poder acceder ás actividades culturais. 

O programa
As xornadas, que se celebrarán o vindeiro venres, 22 de maio, no Pazo da Peregrina, comezarán a partir das 10.30 horas coa presentación do evento. Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, integrantes do grupo de teatro Chévere, serán as persoas encargadas de moderar e facer unha introdución inicial ao contexto da accesibilidade nas artes escénicas, compartindo a súa experiencia persoal logo de producir e xirar varias obras de teatro accesibles. 

Posteriormente, de cara ás 11.00 horas, comezará a charla “A accesibilidade é unha necesidade real”, onde participarán Montserrat Terceiro Rey, Miguel Dorado Sóñora e Paula Varela Costas, tres persoas con discapacidade cognitiva, auditiva e visual, respectivamente. Este relatorio será o centro do evento, pois contarán de primeira man o significado de ser unha persoa cega, xorda ou con dano cerebral na nosa sociedade, así como as barreiras para poder acceder ás actividades culturais. Esta actividade contará coa colaboración da FAXPG (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia) e coa asociación Dano Cerebral de Galicia. 

Ás 12.15 horas, logo da pausa para o café, haberá unha posta en común. Un espazo no que se recollerán as dúbidas, inquedanzas e demandas que poidan xurdir entre as persoas asistentes, co obxectivo de conseguir entre todos e todas que as actividades que se programen na Rede Cultural sexan accesibles a estes colectivos. 

Inscrición nas xornadas
Para participar nas xornadas é necesaria a inscrición previa. As persoas interesadas en asistir deberán enviar un correo electrónico ao enderezo redeculturalaccesible@escenagalega.gal indicando nome e apelidos, contacto, perfil profesional e lugar de traballo. Do mesmo xeito, calquera dúbida que poida xurdir será resolta no mesmo enderezo de correo.

Ames acolle as xornadas de sensibilización “Por unha Rede Cultural accesible”