Solapas principales

Abre o prazo para preinscribirse ou renovar praza nos servizos complementarios de educación e conciliación

Sábado, 29 de febrero de 2020

O Concello de Ames abre o prazo para que os usuarios e usuarias dos servizos complementarios de educación e conciliación poidan preinscribirse ou renovar praza para o curso 2020-2021 na Rede de comedores escolares e nos programas Bos días cole e Tardes divertidas. Como novidade este ano vaise implantar o servizo de comedor e do programa Bos días cole na Escola Unitaria de Covas. As preinscricións e renovacións de praza poderán realizarse entre o 1 e 31 de marzo. Os/as interesados/as poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través da páxina web de Conciliames. Tamén se pode facer de xeito presencial no departamento de Educación (situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns) ou nas Oficina municipais do Milladoiro.

O departamento de Educación do Concello de Ames abre un ano máis o prazo de preinscrición e renovación de praza para os servizos complementarios de educación e conciliación, que engloban á Rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas, para todos aqueles pais e nais que desexen que os seus fillos/as sexan usuarios/as destes programas no próximo curso escolar 2020-2021.

Os usuarios e usuarias que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición, mentres que os que xa estean de alta nestes servizos na actualidade poderán renovar a súa praza. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado perderase a praza. O mesmo acontece se teñen algunha débeda pendente co Concello de Ames.

Implantación dos servizos na Escola Unitaria de Covas
A principal novidade deste ano é a implantación dos servizos complementarios de educación e conciliación na Escola Unitaria de Covas. Desta maneira, as crianzas matriculadas nesta escola tamén poderán solicitar o servizo de comedor e de Bos días cole.

Ademais, cómpre lembrar que todos os rapaces e rapazas matriculadas no IES de Ames (tanto en secundaria como en bacharelato) tamén poden acceder ao servizo de Bos días cole do CEIP A Maía.

Como facer as preinscricións e renovacións
A tramitación das preinscricións e da renovación pódese realizar a través da páxina web de Conciliames. O prazo para poder facer esta xestión está aberto dende o 1 ao 31 de marzo. Posteriormente, abrirase un prazo para formalizar a matrícula de cara ao vindeiro curso.

Unha vez feita a preinscrición ou renovación haberá que imprimir o impreso de solicitude, asinalo e presentalo no Rexistro Xeral do Concello ou na oficina municipal do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Outra opción é empregar o rexistro telemático na sede electrónica do Concello.

O sistema de renovación e preinscrición online para os servizos complementarios de educación e conciliación é o mesmo que se empregou os últimos anos. As persoas que xa empregaron este servizo anteriormente non teñen que volver a darse de alta. No caso de non ter as citadas claves poderá solicitalas desde a mesma páxina. Os novos usuarios/as deben premer na ligazón de crear conta. Despois xa se poderá iniciar sesión para facer as xestións que se estimen oportunas.

Simulador de cotas na páxina web de Conciliames
Ademais, entrando na páxina web de Conciliames os usuarios/as dispoñen dun simulador de cotas. Este cálculo será de orientación, suxeito á comprobación do expediente por parte do departamento de Educación.

O modelo de autoliquidación de taxas para os servizos que se vaian a renovar, pódese solicitar á Recadación municipal, enviando un correo electrónico ao enderezo ames@canaltributos.com

Formulario e información sobre a baremación no comedor
De cara a garantir un servizo de calidade e segundo se establece no regulamento publicado no BOP número 23 do 1 de febreiro de 2018, no caso de que o número de solicitudes supere a capacidade da oferta farase unha selección e terán prioridade as familias empadroadas no concello de Ames.

Así, para a preinscrición na Rede municipal de comedores escolares deberase achegar a documentación necesaria para a baremación. A información está dispoñible nos rexistros e na páxina web www.conciliames.org.

Os servizos complementarios de educación e conciliación do Concello de Ames
Estes programas teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. Os servizos complementarios de educación e conciliación (Rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas) están dirixidos ao alumnado de infantil e primaria e funcionan actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro.

Para máis información pódese poñer en contacto co departamento de Educación en Bertamiráns chamando ao teléfono 981 891 476  ou no enderezo electrónico educacion@concellodeames.gal.

>>ACCEDE AOS TRÁMITES:

Comedores escolares