Solapas principales

Aberto o prazo para inscribirse no curso de interpretación do patrimonio natural organizado pola Aula da Natureza

Martes, 14 de marzo de 2023

A Aula da Natureza do Concello de Ames organiza para os días 24, 25 e 26 de marzo un curso de interpretación do patrimonio natural. O taller está dirixido a guías de natureza, guías turísticos, monitores de tempo libre, e, en xeral, persoas interesadas en comunicar valores ambientais. Terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. As persoas que queiran anotarse deben enviar a ficha de inscrición que se pode atopar premendo nesta ligazón ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal

O curso terá unha duración de 16 horas, repartidas da seguinte maneira: o venres 24 desenvolverase de 16:00 a 20:00 horas, o sábado 25 de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e o domingo 26 de 10:00 a 14:00 horas.

A encargada de impartir a formación será Isabel Fernández Domínguez, da Asociación para la Interpretación del Patrimonio. Fernández Domínguez é consultora e formadora especializada en interpretación do patrimonio, turismo sostible, comunicación accesible e educación ambiental. Conta cunha experiencia de máis de 20 anos en proxectos relacionados coa difusión e a interpretación do patrimonio, a accesibilidade, o turismo sostible e o uso público en espazos naturais protexidos. Actualmente, ademais, é titora e profesora do Programa Formativo de Guías de la Red de Parques Nacionales en España.

As persoas interesadas en participar no curso deben inscribirse previamente, enviando a ficha de inscrición que se pode atopar premendo nesta ligazón ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Actividades de Aula da Natureza para o mes de marzo
A Aula da Natureza ten en marcha outras dúas actividades durante a mesma fin de semana. O sábado 24 e o domingo 25 impartiranse novas sesións do obradoiro de cestería impartido por Julia da Cal, da Parabólica, no que os participantes terán a oportunidade de elaborar un cesto de vimbio con asa. Ofértanse dez prazas. Os horarios son os seguintes: sábado de 11:00 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 horas, e domingo de 11:00 a 13:30 horas. O taller celebrarase nas instalacións da Aula da Natureza.

Por outra banda, o sábado 25 está tamén prevista, en horario de 11:00 a 13:00 horas, unha ruta por Riamontes. O roteiro está pensado para a rapazada de entre 6 e 14 anos. Trátase dun percorrido circular de sete quilómetros de distancia e de dificultade media, que permite coñecer o conxunto etnográfico dos muíños de Riamontes. Haberá servizo de autobús, con saída do Milladoiro (Casa da Cultura) ás 10:30 horas, e de Bertamiráns (Pazo da Peregrina) ás 10:45 horas. A volta farase arredor das 13:45 a Bertamiráns e ás 14:00 ao Milladoiro.

Novamente, os interesados en inscribirse deben enviar a ficha debidamente cumprimentada ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información sobre as actividades pódese escribir a ese mesmo correo electrónico ou chamar ao número de teléfono 660 004 665.

O programa ao completo da Aula da Natureza para o primeiro semestre do ano pódese consultar premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Aula da Natureza amiense poñerá en marcha un curso de interpretación do patrimonio"

Cartaz do curso de interpretación ambiental

Multimedia

  • Cartaz do curso de interpretación ambiental