Solapas principales

35 persoas participan na saída para recoller cogomelos por Bugallido

Lunes, 09 de octubre de 2023

Este pasado domingo, 8 de outubro, comezaron as actividades de outono organizadas pola Aula da Natureza. Un grupo de 35 persoas participaron nunha saída para recoller cogomelos. Estas saídas continuarán durante o mes de novembro polas parroquias de Lens, Ameixenda e Agrón. A seguinte actividade que se recolle na programación é unha saída para recoller castañas que inclúe un magosto e unha charla – coloquio. Será o sábado 14 de outubro na parroquia de Piñeiro. Para inscribirse nesta e noutras actividades hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Este pasado domingo arrincou a programación de outono da Aula da Natureza cunha saída pola parroquia de Bugallido para recoller cogomelos. As 35 persoas que participaron nesta saída recolleron, en horario de 11.00 a 17.00 horas, unha gran variedade do cogomelos. Recolleron fundamentalmente cogomelos que non son comestibles, pero que si serviron para ampliar os coñecementos dos/as participantes sobre estes fungos. A maior parte das persoas que participaron na saída iniciáronse no coñecemento dos cogomelos polo que foi unha saída moi proveitosa para todas elas.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, destaca “a boa acollida que tivo esta primeira saída para recoller cogomelos que se realizou pola parroquia de Bugallido. A través destas saídas preténdese difundir entre a veciñanza amesá o curioso mundo dos fungos ao tempo que amosar as paisaxes de Ames”. Ademais, anima aos veciños e veciñas “a inscribirse na actividade Castaña que cae no camiño, que pretende poñer en contacto aos máis novos con este froito e cos castiñeiros. Ademais, dentro da programación hai outras actividades para dar a coñecer os produtos típicos desta época do ano”.

Cogomelos de Ames
Estas saídas continuarán durante o mes de novembro polas parroquias de Lens, Ameixenda e Agrón. Ademais, durante a celebración da feira Tanto Monte / Monte Tanto farase unha exposición e degustación de cogomelos. O obxectivo é chegar ao maior número de persoas polo que as saídas realizaranse os sábados e domingos en horario de mañá ou de tarde.

Deste xeito, o sábado, 4 de novembro, farase unha exposición e degustación de cogomelos na feira Tanto Monte / Monte Tanto. O día seguinte, o domingo 5 de novembro, haberá unha nova saída, desta volta pola parroquia de Lens, en horario de 10.00 a 14.00 horas. O sábado 18 de novembro recolleranse cogomelos pola parroquia da Ameixenda, de 11.00 a 17.00 horas. A última saída será o sábado 25 de novembro cunha saída pola parroquia de Agrón, de 10.00 a 14.00 horas.

Trala saída ao monte e despois dun pequeno descanso para comer, farase unha recompilación e estudo detallado das especies atopadas. Trátase dunha actividade familiar que está dirixida a todos os públicos. Ofértanse 40 prazas para cada saída. A inscrición para participar nestas actividades xa está aberta e pecharase o 22 de novembro. Haberá servizo de autobús. Os horarios e paradas serán facilitadas aos participantes.

Castaña que cae no camiño... é para o veciño
A seguinte actividade que se recolle na programación é unha saída para recoller castañas que inclúe un magosto e unha charla – coloquio. Será o sábado 14 de outubro na parroquia de Piñeiro. Esta é unha das principais novidades que se inclúen na programación de outono deste ano.

De 11.30 a 14.00 horas farase unha saída para recoller castañas polos camiños da parroquia de Piñeiro. De seguido, de 14.00 a 15.30 horas, haberá un xantar conxunto no local social de Piñeiro (cada participante ten que levar a súa propia comida). Tralo xantar, de 15.30 a 16.30 horas, realizarase un magosto e tamén haberá un obradoiro infantil. Para pechar a programación de dita actividade, impartirase de 16.30 a 17.30 horas, a charla – coloquio As castañas do meu castiñeiro. As persoas que así o desexen poderán asistir de xeito individualizado a calquera das actividades da xornada.

Os nenos e nenas poderán asistir acompañados por persoal da Aula da Natureza. Trátase dunha actividade que tamén está dirixida a todos os públicos. A inscrición estará aberta ata o 12 de outubro. Haberá servizo de autobús dende O Milladoiro, Bugallido e Bertamiráns.

Acampada na Aula da Natureza
Para o sábado 21 e domingo 22 de outubro está programada unha acampada nas instalacións da Aula da Natureza, que tratará sobre os froitos de outono e noite de candeas. Esta actividade está dirixida a rapaces e rapazas de 8 a 14 anos e desenvolverase dende as 17.00 horas do sábado ata as 14.00 horas do domingo. Ofértanse 25 prazas. Os nenos e nenas deberán levar a cea, saco de durmir, roupa cómoda e se queren unha esterilla (isto é opcional).

Conservas de froitas e hortalizas
Para o sábado 11 e domingo 12 de novembro están programados dous obradoiros de froitas e hortalizas que se impartirán nas instalacións da Aula da Natureza. Trátase de actividades enfocadas ao aproveitamento de froitas e verduras de tempada. O sábado 11 haberá un obradoiro de conservación con azucre: marmeladas, confituras, almíbares... O día seguinte, o domingo 12, realizarase un segundo obradoiro, neste caso sobre a conservación de hortalizas: salmoiras, aceites...

Os dous obradoiros impartiranse en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 19.00 horas. As persoas que participen poden levar comida da casa para xantar. Estes obradoiro están dirixidos a persoas de 16 anos en diante. As inscricións poden realizarse ata o 8 de novembro. Haberá servizo de autobús. Os horarios e paradas serán facilitados aos participantes.

III Feira Tanto Monte / Monte Tanto
Por outra banda, estase traballando na organización da terceira edición da feira Tanto Monte / Monte Tanto, que está prevista para o sábado 4 de novembro no campo da festa de Trasmonte. Trátase dun evento co que se pretende valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte. Haberá expositores de mel, cogomelos, aceite, embutidos, cestería, noces, castañas, froitos do bosque... e unha gran variedade de produtos que nos ofrece o monte. Para participar na feira non é preciso inscribirse e está aberta a todos os públicos.

Ruta teatralizada polo rego da Andoriña: natureza, historia e saúde  
Outra das novidades na programación de outono deste ano é a organización de dúas rutas teatralizada polo rego da Andoriña, que xirarán arredor da natureza, da historia e da saúde. Serán os días 21 de outubro e 19 de novembro. Elaborarase un programa específico para ditas rutas que será presentado esta semana.

Para inscribirse nas actividades da programación de outono hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal indicando a actividade ou actividades nas que se quere participar. Haberá que enviar un impreso de inscrición por persoa. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Arrinca a programación de outono da Aula da Natureza de Ames cunha saída ao monte por cogomelos"

Imaxe da saída para recoller cogomelos por Bugallido

Multimedia

  • Imaxe da saída para recoller cogomelos por Bugallido
  • Imaxe da saída para recoller cogomelos por Bugallido
  • Imaxe da saída para recoller cogomelos por Bugallido
  • Imaxe da saída para recoller cogomelos por Bugallido
  • Imaxe da saída para recoller cogomelos por Bugallido
  • Imaxe da saída para recoller cogomelos por Bugallido
  • Imaxe da saída para recoller cogomelos por Bugallido
  • Imaxe da saída para recoller cogomelos por Bugallido