- Tematica
O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, organizou a VIII edición dos Premios Lingua e Empresa, unha iniciativa que busca estimular o uso da lingua galega no ámbito empresarial. Nesta oitava edición presentáronse 32 entidades establecidas en Ames e delas, o xurado recoñecerá dúas, unha na categoría de uso consolidado e outra na de nova incorporación. As gañadoras desvelaranse o vindeiro luns, 15 de decembro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, nunha gala que contará coa actuación de Leti da Taberna.
Trátase do oitavo ano consecutivo no que se pon en marcha esta iniciativa co obxectivo de estimular o uso da lingua galega na actividade económica do concello de Ames, concretamente na actividade empresarial, e para recoñecer publicamente a contribución desde este sector ao aumento e á mellora do uso social do galego. Esta iniciativa está dirixida ás empresas que teñen a súa sede social ou un centro de actividade no concello de Ames.
Como cada ano, hai dúas categorías de participación: unha destinada ás empresas que realizan un uso estable e continuado da lingua galega desde hai máis de dous anos; e outra enfocada a aquelas empresas de recente creación (nos últimos dous anos) ou que incorporaron o uso do galego na súa actividade dentro dese mesmo período. Para a primeira categoría, hai un total de 25 empresas inscritas, mentres que na segunda rexistráronse 7.
Premios e xurado
Para poder seleccionar as empresas gañadoras, o xurado segue unha serie de rigorosos criterios baseados no uso do idioma a nivel interno ou externo, tanto oralmente como escrito. Así é que se valora o uso do galego en todos os ámbitos que teña a empresa (redes sociais, web, sinaléctica, comunicación coa clientela e co persoal...). Tamén se ten en conta o impacto da actividade empresarial en sectores relevantes para o proceso de normalización lingüística.
Para a comprobación deses méritos, as empresas candidatas tiveron achegar os enlaces de información web correspondentes ou achegar materiais impresos, ademais de facilitar ao Concello toda a información que se lles requiriu sobre a súa comunicación interna e externa.
O xurado está formado polo Secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo, como representante de consumidores e consumidoras; o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Ramón Cordido Ríos, como representante do asociacionismo empresarial; e Lucía Ferro Diz, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista en Normalización Lingüística. Ademais, a técnica municipal de normalización lingüística, Rosa Moreiras, como secretaria secretaria.
Cunha dotación de 3.000 euros, o certame outorgará 1.500 euros á empresa gañadora de cada unha das categorías. Ademais da parte económica, os gañadores de cada apartado contarán cunha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal do Concello.
Gala de entrega dos premios
As entidades gañadoras desvelaranse na Gala Lingua e Empresa que se celebrará o vindeiro luns, 15 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro. O evento contará coa actuación de Leti da Taberna, que coas súas decenas de miles de seguidores nas redes sociais promove e defende o uso da lingua galega desde o humor. Este acto ten como obxectivo darlles difusión a todas as empresas participantes, salientar o activo que supón o uso da lingua galega na actividade empresarial e crear un espazo de encontro e intercambio de experiencias.





