Solapas principales

Ames acolle os días 29 e 30 de marzo o X Seminario Internacional de Materiais didácticos sobre Robótica Educativa

Martes, 26 de febrero de 2019

[26-02-2019] A robótica educativa será a protagonista da décima edición do Seminario Internacional de Avaliación de Materiais Didácticos. Esta mañá o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, Suso Rodríguez e Silvia López, presentaron o X Seminario Obradoiro Internacional de Materiais didácticos, que se celebrará no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura de Bertamiráns os días 29 e 30 de marzo. Nestas xornadas abordarase que facer cos robots nas escolas e nos fogares. A inscrición no seminario será ata o día 15 de marzo. A entrada será de balde previa inscrición. O encontro está aberto a todo o público. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o folleto informativo do Seminario.

Conscientes da necesaria formación en metodoloxías STEM e partindo de que a escola é un espazo de aprendizaxe na que debe realizarse un tratamento reflexivo, crítico e innovador dos avances tecnolóxicos e científicos, esta actividade nace coa finalidade de ofrecer un espazo de encontro para o profesorado e a comunidade educativa (familias, outros/as profesionais…) co fin de favorecer a análise e utilización crítica dos robots nas aulas de educación infantil, primaria e secundaria.

Entre os obxectivos deste encontro están: coñecer as tipoloxías de robots e estratexias metodolóxicas para utilizar estes recursos en diferentes etapas educativas; e tomar decisións construtivas respecto do uso dos considerados robots educativos no contextos escolar.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, agradeceulle as entidades organizadoras, Nova Escola Galega e Grupo de investigación en materiais educativos CAVILA, por escoller Ames como o lugar para celebrar a décima edición deste Seminario. “Para Ames é moi boa nova acoller este Seminario Internacional, que celebra aquí o seu décimo aniversario. Animamos aos docentes dos centros escolares para que se impliquen neste obradoiro e participen no Seminario xa que aborda cuestións de grande interese como é a robótica e mailas TIC. Tamén animamos a que participe o conxunto da veciñanza amesá. Este Seminario permitirá afondar na utilización da robótica tanto nos colexios como nos fogares e nas metodoloxías STEM”.

Programa do Seminario
Deste xeito, os días 29 e 30 de marzo levarase a cabo o X Seminario Obradoiro Internacional de Materiais didácticos. O día 29 o encontro terá lugar no Pazo da Peregrina no que se dará comezo ao seminario cunha conferencia inaugural que servirá para situar o significado das competencias STEM e a súa implicación para a aprendizaxe e o coñecemento. Posteriormente levarase a cabo unha presentación da Aula Nova – CAFI. O día rematará cun encontro Lúdico-Cultural no que se celebrarán os 10 anos do Seminario.

O día 30 o encontro será na Casa de Cultura de Bertamiráns iniciando a xornada cunha exposición fotográfica. Posteriormente levarase a cabo varios obradoiros simultáneos no que os asistentes poderán iniciarse no desenvolvemento práctico da avaliación dos robots como recursos educativos. Estes obradoiros estarán divididos en tres tramos da educación: infantil; primaria e secundaria. Destaca a presenza nestes obradoiros de dúas mestras de educación primaria do CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo, que recibiu en 2018 o terceiro premio do Premio Nacional Fundación GSD de Innovación Educativa polo proxecto “Realidade virtual e storytelling”.

Para participar neste Seminario Obradoiro hai que inscribirse previamente. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 15 de marzo. A entrada será de balde previa inscrición. O encontro está aberto a todo o público.

Análise dos recursos educativos
Suso Rodríguez, da Nova Escola Galega, explica que “se vai facer unha análise sobre o papel que teñen os recursos educativos, entre eles a robótica, no mundo do ensino. Nos últimos dous anos está habendo un gran movemento arredor da robótica en diferentes ámbitos como o educativo, o da investigación e empresarial. Por iso centramos o seminario nesta temática, e de aí vén a pregunta que se plantexa: Que facer cos robots nas escolas e nos fogares? Así nestas xornadas abordarase que se pode facer cos robots dende a perspectiva educativa, pero, ademais, farase unha análise da metodoloxía educativa”.

Ademais, Suso Rodríguez, engadiu “é de agradecer a colaboración que amosa o Concello de Ames en materia educativa e en concreto no desenvolvemento deste Seminario de xeito gratuíto. En Ames sabemos que hai moitas familias interesadas polos recursos educativos e sobre a cuestión da robótica. O que se pretende é analizar este tema dende diferentes perspectivas. Convidamos a participar neste Seminario a todas as familias interesadas, así como ao persoal dos centros de ensino e do mundo empresarial”.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Seminarios sobre robótica educativa en Bertamiráns"