Solapas principales

As bibliotecas de Ames abren o prazo para participar no obradoiro de máscaras de Entroido

Lunes, 25 de febrero de 2019

[25-02-2019] A Concellaría de Educación e Cultura de Ames organiza un obradoiro de máscaras de Entroido nas bibliotecas do Milladoiro e Bertamiráns para que os cativos e cativas poidan elaborar as súas máscaras de cara a esta festividade. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto ata o 6 de marzo a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns), 981 53 08 07 (Milladoiro) ou no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. Ademais, esta semana realizarase a sesión de contacontos A cantar e contar.

Ao abeiro da programación de contacontos que ten lugar nas bibliotecas municipais de Ames durante os meses de febreiro e marzo, realizarase unha sesión de animación á lectura en cada biblioteca. Asemade, esta mesma semana comezou a inscrición para participar no obradoiro de máscaras de Entroido. Todas estas actividades son de balde.

Así, o mércores 27 en Bertamiráns e o xoves 28 no Milladoiro levarase a cabo a partir das 17.30h unha sesión de contacontos baixo o título A cantar e contar. Para participar nesta actividade, dirixida a nenos e nenas de 3 a 8 anos, non é necesaria inscrición previa.

Por outra banda, o luns 11 e o martes 12 de marzo, as bibliotecas celebrarán un obradoiro no que os e as cativas poderán deseñar e realizar as súas propias máscaras. Este taller realizarase o luns na biblioteca de Bertamiráns e o martes na do Milladoiro, a partir das 17.00 horas. Así, o número de prazas será limitado, polo que a inscrición deberá tramitarse entre o 25 de febreiro e o 6 de marzo a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns), 981 53 08 07 (Milladoiro) ou no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.

Contacontos en marzo
Pola súa banda, a primeira das sesións de contacontos do mes de marzo terá lugar o mércores 13 de marzo na biblioteca do Milladoiro baixo o título 1, 2, 3 sen mover as mans nin os pés, e ao día seguinte en Bertamiráns. O 27 de marzo os nenos que se acheguen á biblioteca de Bertamiráns poderán gozar do conto Non todo é o que parece, mentres que a narración no Milladoiro terá lugar o día 28. Ao igual que en febreiro, estas sesións tamén comezarán ás 17:30 horas.

Contido relacionado


Lindeiros: "Obradoiro de máscaras de Entroido en Ames"