Solapas principales

Ames, Santiago e Teo crean un directorio de empresas que traballan en galego

Martes, 05 de febrero de 2019

[05-02-2019] Os concellos de Ames, Santiago e Teo poñen en marcha o proxecto #Galegoempresas, un directorio de empresas radicadas nos tres municipios que ofrezan produtos e servizos en galego. Esta mañá tivo lugar a presentación desta iniciativa no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela. O obxectivo deste proxecto é poñer en valor aqueles negocios nos que a nosa lingua adquire visibilidade, e facer un recoñecemento á calidade na atención por parte destes negocios.

Esta mañá tivo lugar a presentación do proxecto #Galegoempresas no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela. Na rolda de prensa de presentación de dita iniciativa participaron a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a concelleira de Cultura de Teo, Pilar Faxil, e Óscar Maceiras, en representación da empresa que desenvolve o proxecto, Ágora Aberta.

O proxecto #Galegoempresas foi desenvolvido pola empresa Ágora Aberta. Óscar Maceiras explicou que para a elaboración do directorio realizáronse moitas tarefas previas, que pasaron por ponderar os indicadores de uso lingüístico nas empresas para avaliar a súa relevancia na configuración da imaxe da compañía e na súa relación coa cidadanía; por deseñar o protocolo de aplicación do cuestionario co que se obteñen os datos para construír os indicadores das diferentes empresas; e por crear finalmente a ferramenta informática para incluír os datos das empresas, validados e publicados de xeito atractivo e útil.

Maceiras tamén salientou que o directorio "permite que as persoas usuarias fagan a valoración da atención que prestan as empresas, oral, escrita e telefónica", e que pon a disposición das empresas unha serie de ferramentas e recursos para que "melloren no uso do galego e saiban as convocatorias que teñen en marcha as administracións para premiar o compromiso coa lingua".

A concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero, salientou “a colaboración institucional entre os tres concellos” e fixo un chamamento “a todas as empresas da comarca para unírense a esta ferramenta”. Neste mesmo senso se pronunciou a concelleira de Cultura de Teo, Pilar Faxil.

Por outra banda, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, dixo que o directorio "permitirá coñecer de maneira rápida e práctica a oferta de empresas que funcionan en galego, dándolle unha maior visibilidade, ao tempo que facilitará a planificación de accións dirixidas ao sector socioeconómico en materia de lingua".



Contido relacionado


Lindeiros: "#Galegoempresas, un novo directorio de empresas que traballan en galego"