Solapas principales

O Pazo da Peregrina acolle este sábado as II Xornadas de Atención Temperá de Ames

Viernes, 18 de enero de 2019

[18-01-2019] A Concellería de Educación e Cultura e o Espazo de Estimulación Temperá Casiopea organizan este sábado, 19 de xaneiro, as II Xornadas de Atención Temperá de Ames a partir das 17.00h no Pazo da Peregrina. O evento, dirixido fundamentalmente a familias con crianzas entre os 0 e os 12 anos e profesionais deste ámbito, conta coa intervención das especialistas Marina Tubio, Mari Carmen Matalobos, Eva Gil, Tomás Rábanos, Andrés Gonzalo Iñiguez e Gonzalo García. A entrada é libre e gratuíta.

O Concello de Ames acolle a segunda edición destas xornadas co obxectivo de divulgar as características e beneficios da atención temperá, unha disciplina que atende a cuestións varias como o desenvolvemento integral das nenas e nenos mediante a estimulación, ou a reestruturación de áreas do cerebro danadas. A xornada pretende, asemade, romper co falso mito de que a atención temperá só está destinada a crianzas con diversidade funcional.

Así, no espazo intervirán Marina Tubio, directora e fundadora do Espazo de Estimulación Temperá Casiopea en Ames, creadora do Proxecto Casiopea e docente experta na etapa infantil e en estimulación temperá; Mari Carmen Matalobos, do Centro terapéutico Alameda da Estrada, reflexóloga, osteópata, e cocreadora do Método Barrumat, que combina o exercicio físico, a cromoloxía e a música de saxo.

Tamén participarán Eva Gil, fundadora de Psique, centro especializado en psicoloxía e orientación familiar, e experta en psicoloxía infanto-xuvenil; Tomás Rábanos, creador da Fundación Eomaia, musicoterapeuta e experto en terapias asistidas con burros; Andrés Gonzalo Iñiguez, investigador na Universidade da Coruña cun máster en psicoloxía, e experto en psicopatoloxía e saúde; e por último, Gonzalo García, doutor en optometría cun máster clínico en optometría e terapia visual, socio clínico de SIODEC e director do centro de optometría galego.

Ditas xornadas, dirixidas tanto a familias con crianzas entre os 0 e os 12 anos como a profesionais interesados neste ámbito, desenvólvense este sábado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a partir das 17:00 horas, e conta con entrada libre e gratuíta para os asistentes.



Contido relacionado


El Correo Gallego: " Esta tarde celebrarase no Pazo da Peregrina a Xornada de Atención Temperá, un evento dirixido a familias con nenos e a profesionais"