[15-01-2019] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 18 de xaneiro, a representación da obra Da avaricia, a luxuria e a morte ás 21.00h. A composición, baseada no retablo homónimo de Ramón María del Valle-Inclán, é adaptada e levada a escena polo grupo Teatro do Noroeste. As entradas, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica, teñen un custo de 5 euros en tarifa xeral e 2,5 euros na reducida. Asemade, o vestíbulo da Casa da Cultura aloxa do 14 ao 31 de xaneiro a exposición “Teatro do Noroeste: 30 anos actuando”.
Da avaricia, a luxuria e a morte xira en torno a tres pezas nas que cada un dos pecados do titulo están presentes en diversa forma e proporción, ata desembocar na súa consecuencia final: a morte. Teatro do Noroeste representa os textos curtos “Ligazón”, “A cabeza do Bautista” e “A rosa de papel” de Valle-Inclán, nunha obra na que cada un deles se relaciona de xeito estético con un dos elementos primarios.
Así, a primeira historia, un auto para siluetas, é unha reafirmación da propiedade da muller sobre o seu propio corpo, a través da historia dunha Moza que se planta ante a idea de que súa nai e súa tía vendan o seu corpo por unha gargantilla, que decide emanciparse deste poder a través dos seus propios desexos. A continuación, “A cabeza do Bautista” trata sobre o plan de Don Igi e A Pepona de desfacerse do fillastro do primeiro, sen contar cos sentimentos que se desencadearán deste acto. Por último, a través de “A rosa de papel”, mostrarásenos o lume que crece no interior dun home que non foi capaz de valorar á súa muller en vida, que o consumirá coa morte dela.
Teatro do Noroeste interpreta estas pezas o vindeiro venres, 18 de xaneiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 21.00h. As entradas, que xa poden adquirirse a través da Billeteira electrónica, teñen un custo de 5 euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné. Asemade, o 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.
Exposición a 30 anos de carreira
Esta semana, a compañía Teatro do Noroeste tamén achega ao vestíbulo da Casa da Cultura de Bertamiráns unha exposición na que se repasan os trinta anos de carreira do grupo fundado por Luma Gómez e Eduardo Alonso, dúas personalidades significativas da escena teatral galega.
Así, a partir deste luns xa se pode desfrutar dun percorrido polos anos de actividade e as máis de 36 obras producidas pola compañía dende 1987, a través de carteis, bocetos, fotos, atrezzo e deseños de vestiario dos diversos espectáculos levados a escena polo Teatro do Noroeste.
A presentación da mostra terá lugar o vindeiro xoves 17, ás 12.00h, na propia Casa da Cultura. A ela acudirán os fundadores da compañía, Luma Gómez e Eduardo Alonso, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. A mostra permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro.
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "Ames acolle este venres a obra “Da avaricia, a luxuria e a morte”"