[14-01-2019] A Concellaría de Educación e Cultura ten programado para este mes de xaneiro dúas novas sesións de contacontos, que se desenvolverán nas bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns. Este tipo de actividades de animación á lectura están dirixidas especialmente a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. A entrada é libre e gratuíta.
As sesións de contacontos regresan neste 2019 ás bibliotecas municipais cunha nova actividade, que leva por título Arriba- abaixo; grande-pequeno; contamos ou lemos?, e que explorará o mundo dos conceptos contrarios. A primeira sesión terá lugar na biblioteca do Milladoiro o vindeiro mércores, 16 de xaneiro, ás 17.30h, mentres que na biblioteca de Bertamiráns realizarase o xoves 17, tamén ás 17.30h.
Esta sesión de contos pertence a unha serie de contacontos que, ao longo do curso, abordarán diferentes temas, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal das nenas e nenos. Deste xeito, alén de fomentar o gusto pola lectura e o desenvolvemento da linguaxe, o que estas sesións procuran é promover a educación igualitaria e en valores, fortalecer o desenvolvemento cognitivo das crianzas e ofrecer ás familias unha actividade para gozar xuntas do seu tempo de lecer.
Contacontos no rural
A próxima sesión contacontos nas parroquias desenvolvese o vindeiro luns 21 de xaneiro, coa lectura do conto Animais de compañía, apoiada no texto de Manuel Lourenzo González. Nesta ocasión, o relato convértese nun xogo de palabras rimado que sementa a confusión e a risa mentres se estenden os rumores sobre unhas estrañas criaturas que chegaron á vila metidas nunha pequena caixa. Esta sesión terá lugar ás 18.00h o luns en Augapesada e o martes 22 en Bugallido.
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "Seguen as sesións de contacontos en Ames"