[11-01-2019] O Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este domingo, 13 de xaneiro, ás 17.00h a presentación do libro-CD Son da Maía. A obra consiste nun CD froito da escolla de quince temas interpretados por Xermán Vázquez Soneira, que supoñen un percorrido polo folclore da comarca amesá que lle da nome, e un libro no que non só se explica o contexto social e histórico das pezas, senón tamén a realización dunha viaxe pola vida de Xermán, un dos derradeiros gaiteiros da Maía. A entrada ao evento é de balde.
A asociación cultural A Regionalista de Teo organiza este domingo, coa colaboración do Concello de Ames, a presentación da seu libro etnográfico e CD Son da Maía, que ten como obxectivo “a recuperación e difusión dos cantos da Maía, co fin de integralo no repertorio dos grupos musicais da terra”.
Así, ao longo de 126 páxinas, realizase un percorrido polo folclore e a historia da comarca amesá a través da explicación do contexto e o significado dos quince temas cantados recollidos no CD que acompaña ao libro. Unha escolla froito dun intensivo traballo de investigación de campo, que pretende servir como un “tributo a toda aquela xente anónima que actuaron como transmisores que contribuíron a encher de sabedoría estas páxinas que versan sobre a cultura de A Maía”.
Asemade, a obra tamén afonda na vida e nos viaxes de Xermán Vázquez Soneira, un dos derradeiros gaiteiros da Maía, e supón unha ruta polas súas vivencias, que teñen eco na súa música. Así, Xermán non só axudou á recompilar múltiples pezas clásicas, senón que tamén é o encargado de interpretar coa súa gaita as pezas compiladas e mesmo poñer voz a moitos dos temas.
As pezas musicais, temas cantados na súa totalidade, consisten en “melodías copiosas onde a voz é o principal elemento, acolchado por outros instrumentos como a gaita de fol”, e están divididas por temática en tres capítulos, segundo conteñan referencias ao ciclo do ano, á emigración ou aos ritmos típicos da zona.
Contido relacionado
Lindeiros: "A asociación cultural A Regionalista presenta o libro-CD Son da Maía no Milladoiro"
Compostela 24 horas: "A asociación cultural A Regionalista presenta este domingo o libro-CD Son da Maía no Milladoiro"