Solapas principales

A Festa de Reis do 5 de xaneiro contará con espectáculos de maxia, pompas e chocolate con rosca

Miércoles, 02 de enero de 2019

[02-01-2019] O sábado, 5 de xaneiro, as nenas e nenos amesáns celebrarán a chegada dos Reis Magos cunha festa especial, que terá lugar nos pavillóns municipais do Milladoiro e de Bertamiráns. Antes, os Reis Magos pasarán polas Oficinas municipais do Milladoiro e pola Casa do Concello de Bertamiráns, co obxectivo de deixar a súa firma no libro municipal de sinaturas. Desde alí, partirán en cabalgata ata os pavillóns, onde se celebrará unha función de pompas de xabón e dous espectáculos de maxia. No recibimento aos Reis nos pavillóns tamén haberá chocolate con rosca.

Un ano máis, os Reis Magos pasarán por Ames antes de repartir os agasallos que cada neno e nena pediu nas cartas que escribiu ao longo do ano. Para recibir aos Magos de Oriente, o Concello de Ames está preparando unha gran festa que comezará co recibimento dos Magos de Oriente nas Oficinas xerais do Milladoiro, ás 17:00 horas, e na Casa do Concello, en Bertamiráns, ás 18:00 horas, onde asinarán no libro de sinaturas do Concello de Ames.

De seguido, percorrerán as rúas do Milladoiro (Agro do Medio, rúa dos Cereixos e Travesía do Porto) e de Bertamiráns (praza do Concello, avenida da Maía e avenida da Peregrina). Posteriormente, farase unha recepción real nos pavillóns polideportivos do Milladoiro, ás 17:30 horas, e de Bertamiráns, ás 18:30 horas, cunha gran festa de luz e de son, onde se celebrarán dous espectáculos de maxia da man da maga Amelie e Mirror Led, e unha función con pompas de xabón de Willy Pomper.

No recibimento aos Reis nos pavillóns tamén haberá chocolate con rosca. Os pavillóns municipais estarán abertos media hora antes da chegada das súas maxestades os Reis Magos. Ademais, os rapaces e rapazas de Ames poderán fotografarse con Melchor, Gaspar e Baltasar. Serán máis de 90 minutos de entretemento a cuberto e no que tamén se entregarán os premios do concurso de cartas de Nadal.

Concurso de cartas de Nadal
Por cuarto ano consecutivo, o Concello de Ames pon en marcha coa colaboración de Maxia do Nadal unha iniciativa para encher de contido as cartas coas que as cativas e os cativos piden os agasallos. Nesta edición, no que o lema é Faille máis sitio á lingua, anímase ás crianzas a compartir as súas vivencias e pensamentos cos magos sobre o uso do galego nos distintos contextos e situacións do seu día a día. Así, os cativos/as poderán compartir as súas ideas escribindo, debuxando, pintando, decorando...

Os magos, moi amigos de todas as linguas do mundo, queren compartir coa xente máis miúda a importancia de usar o galego durante todo o día, con independencia do contexto ou o momento.

Prazo aberto ata o 3 de xaneiro
Para participar nesta actividade hai que deixar as cartas nas caixas de correo instaladas na Casa do Concello, nas Casa da Cultura e nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro. As cartas poderán depositarse ata o día 3 de xaneiro, incluído. A proposta deixa abertas todas as posibilidades para que, en cada caso, a carta de cada nena e neno estea dirixida aos personaxes que se prefiran (O Apalpador, os Reis Magos, Papá Noel..) ou á propia Maxia do Nadal.

Todas as nenas e nenos que participen e que indiquen o enderezo correctamente recibirán unha carta resposta cun pequeno agasallo de agradecemento, por iso é moi importante que cada carta inclúa os datos completos da nena ou neno: nome e apelidos, idade, enderezo e teléfono de contacto. Ademais, haberá seis premios para as cartas máis interesantes e creativas e algunha delas ilustrará a programación de Nadal do vindeiro ano. Os premios entregaranse o vindeiro venres, 5 de xaneiro, na Festa de Reis.



Contido relacionado


Lindeiros: " Pompas, chocolate e rosca na Festa de Reis de Ames"
Compostela 24 horas: "Os Reis Magos chegan a Ames con espectáculos de maxia"