[13-12-2018] O Nadal chega á Aula da Natureza este sábado, 15 de decembro, coa realización de dous obradoiros de decoración e un taller de cociña. Pola mañá, nenas e nenos de 6 a 12 anos modelarán un moucho con arxila no edificio da Aula da Natureza, mentres que pola tarde chegaralle a quenda aos adultos, que realizarán varios adornos orientados á decoración dunha mesa de Nadal. Ese mesmo día realizarase un obradoiro sobre a elaboración dun buffet de festa no Pazo da Peregrina.
A comida e a decoración ocupan un espazo vital en calquera casa durante a época do Nadal, marcada polas reunións familiares e as ceas copiosas. Co obxectivo de aportar ideas rápidas e eficaces para afrontar sen dificultades estas semanas, a Aula da Natureza ten deseñada unha completa programación con varios obradoiros sobre estes temas, que comezan este sábado, 15 de decembro.
A xornada comezará cun obradoiro de decoración para adultos, que terá lugar na Aula da Natureza en horario de 11.30 a 13.30h. Durante a mañá, os e as participantes realizarán diferentes traballos manuais orientados á decoración da mesa e o servizo para unha comida ou cea de Nadal. Así, elaboraranse garda cubertos, servilleteiros, posavasos e un centro de mesa ou portamenús. Todo elo con materiais naturais de reciclaxe.
Pola tarde será a quenda dos cativos e cativas de 6 a 12 anos, que aprenderán a modelar con arxila un moucho pousado nunha póla. Para acudir a este taller, que se realizará de 16.30 a 18.00h, habilitarase un autobús que sairá ás 16.00h da Casa da Cultura do Milladoiro e pasará pola Praza do concello ás 16.10h. O mesmo autobús deixará aos participantes ás 18.15 na parada de autobús do Gadis de Bertamiráns, e ás 18.30 no Milladoiro.
Obradoiro Showcooking: buffet de Nadal
Por outra banda, o Pazo da Peregrina acollerá o obradoiro Showcooking: buffet de Nadal, destinado a un público maior de 16 anos que poderá coller ideas sobre a elaboración de diversas preparacións adaptadas ao Nadal, que poden deixarse feitas o día anterior para que os cociñeiros e cociñeiras poidan desfrutar das celebracións cos seus convidados. A xornada, que comezará ás 18.00h, tamén incorporará a degustación das receitas cociñadas durante a tarde.




