Solapas principales

O Concello de Ames pon en marcha unha campaña para concienciar á veciñanza da necesidade de non tirar as toalliñas polo váter

Miércoles, 05 de septiembre de 2018

Esta mañá representantes do Concello de Ames e da empresa Espina & Delfín presentaron, nas instalacións da EDAR de Sisalde, unha campaña para tratar de concienciar á veciñanza da necesidade de non tirar toalliñas polo WC. Ames gasta 114.000 euros ao ano en avarías producidas polo uso inadecuado das toalliñas (37.000 euros en traballos de desatascos na rede de saneamento, 29.000 euros en bombeos e 48.000 euros en labores de limpeza de depuradoras). Colocaranse diferentes carteis e folletos informativos por diferentes puntos do municipio, así como se organizaran obradoiros e xornadas nos centros de ensino, para concienciar a veciñanza dun uso axeitado e responsable das toalliñas.

Baixo o lema “Tirar toalliñas ao WC PASA [á] FACTURA. As toalliñas á PAPELEIRA!”, os concelleiros de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, presentaron unha campaña de sensibilización para deixar de tirar as toalliñas polo WC. En dita presentación estiveron acompañados de Rosa Blanca Rodríguez, administradora solidaria, e Juan Somoza, director de servizos, ambos da empresa Espina & Delfín, adxudicataria do servizo municipal do ciclo integral da auga. Tamén acudiu a este acto a deseñadora da campaña, Mónica Fernández.

O uso indebido das toalliñas en particular, e todos os pequenos plásticos que se tiran ao váter no día a día, non só pasan factura medioambiental senón que tamén teñen repercusión no peto do cidadán. Segundo un estudo realizado pola empresa Espina y Delfín, o Concello de Ames gasta 114.000 euros ao ano en avarías producidas polo uso inadecuado das toalliñas (37.000 euros en traballos de desatascos na rede de saneamento, 29.000 euros en bombeos e 48.000 euros en labores de limpeza de depuradoras). Así, os cartos que van destinados a intentar solucionar este problema non poden inverterse noutras partidas. De aí o lema da campaña, xa que as toalliñas pasan factura ao medio ambiente e pasan á factura, polos gastos que lle ocasionan ao Concello e ao cidadán de xeito indirecto.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “se decidiu enfocar a campaña dende un punto de vista positivo e informativo, orientado a concienciar aos usuarios/as do dano que pode ocasionar o mal uso das toalliñas, a necesidade de tiralas á papeleira en lugar de ao inodoro, e unhas pautas de como deben usarse, tendo en conta que non son biodegradables, polo menos non a curto prazo”.

Campaña educativa e de concienciación social
Deste xeito, esta campaña, que se divide en dúas partes principais, incide na concienciación de non tirar residuos ao váter senón á papeleira. Así, a primeira parte está centrada na difusión, para o que se espera contar coa colaboración dos establecementos hostaleiros, supermercados e negocios onde a xente poderá ver varios tipos de carteis explicativos, onde se informa a cidadanía sobre o ciclo da auga, así como o gasto e uso das toalliñas.

Por outro lado, a educación aos máis pequenos tamén ocupará un lugar importante. A través de carteis ilustrativos, actividades e charlas didácticas, nas que colaborarán técnicos de Espina y Delfín, que irán polos colexios, buscarase que os máis pequenos tamén coñezan o ciclo da auga, a importancia deste elemento e o uso correcto das toalliñas. O que pretende esta campaña é que incida nas novas xeracións. Así, búscase que dure e permaneza no tempo a través da concienciación.

O concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, manifestou que “dende o punto de vista medio ambiental hai que lembrar que as toalliñas non son biodegradables, polo que se se tiran polo váter acaban nos ríos, e posteriormente acaban no mar. Se facemos un mal uso desta toalliñas, estamos contribuíndo a contaminar o medio fluvial e mariño. Isto ao igual que os microplásticos acaban afectando as especies mariñas e súa cadea alimenticia. Para cambiar os malos hábitos o primordial é a educación dos nenos e nenas”.

Nesta mesma liña expresouse a administradora solidaria de Espina y Delfín,  Rosa Blanca Rodríguez, que dixo que “Espina y Delfín é unha empresa que acaba de cumprir 40 anos dedicada a xestionar servizos de auga municipais. Construímos 60 depuradora e xestionamos outras tantas. Damos servizo a máis e 600.000 persoas repartidas en 51 concellos, polo que sabemos moi ben o que entra nas redes de abastecemento e nas depuradoras. Unha das nosas liñas de traballo está enfocada a preservación do medio ambiente, polo que temos que tratar de concienciar á cidadanía da problemática que ocasiona o deposito destas toalliñas na rede de abastecemento. Debido a iso é necesario evitar que se tiren polo inodoro, e para iso, como xa se dixo anteriormente, é fundamental a educación da mocidade”

Ligazóns:

La Voz de Galicia: "Ames gastó 114.000 euros por las averías que provocan las toallitas en la red de residuales"
El Correo Gallego: "Campaña con charlas en colegios y folletos para que las toallitas no colapsen Ames "
Compostela 24 horas: "Poñen en marcha unha campaña para concienciar á veciñanza da necesidade de non tirar as toalliñas polo váter"

Presentación da campaña "Tirar toalliñas ao WC PASA [á] FACTURA. As toalliñas á PAPELEIRA!"

Multimedia

  • Presentación da campaña "Tirar toalliñas ao WC PASA [á] FACTURA. As toalliñas á PAPELEIRA!"
  • Presentación da campaña "Tirar toalliñas ao WC PASA [á] FACTURA. As toalliñas á PAPELEIRA!"
  • Cartel da campaña "Tirar toalliñas ao WC PASA [á] FACTURA. As toalliñas á PAPELEIRA!"