Solapas principales

O amesán Borja Golán proclámase bicampión de Europa de squash

Lunes, 03 de septiembre de 2018

[03-09-2018] O xogador amesán, Borja Golán, segue facendo historia no squash. Este pasado sábado, 1 de setembro, proclamouse bicampión de Europa de squash ao gañarlle na final ao británico George Parker por 8-11, 11-4, 10-12, 13-11 e 11-6. Deste xeito, Borja Golán, que xa foi campión de Europa en 2016, recupera o seu cetro europeo tras quedar terceiro na pasada edición do torneo. O xogador amesán foi o primeiro español en proclamarse campión de Europa e volve a ser o primeiro en conseguir un subcampionato europeo. É a quinta final europea que disputa Golán.


O amesán, Borja Golán, logrou este sábado pasado, por segunda vez na súa carreira, o título de campión de Europa de squash ao superar na cidade austríaca de Graz ao británico George Parker. Borja Golán, que xa foi campión de Europa en 2016, bateu a Parker por 8-11, 11-4, 10-12, 13-11 e 11-6 nunha hora e 22 minutos. Golán foi subcampión europeo en 2006, 2012 e 2015. O ano pasado colgouse a medalla de bronce.

Golán comezou o torneo gañándolle ao austríaco Patrick Strobl. Posteriormente, en oitavos de final, venceu ao italiano Yuri Farneti. Na quenda de cuartos de finais gañoulle ao belga Jan Van Dean Herrewegen, e en semifinais ao francés Lucas Serme. A final contra o británico George Parker foi moi igualada e puido gañar calquera dos dous xogadores. Finalmente, o xogador amesán impúxose despois de xogar cinco sets, conseguindo o seu segundo título europeo. É a quinta final europea que disputa Golán.

Borja Golán móstrase moi ledo tras conseguir o segundo título europeo aos 35 anos. Este novo titulo europeo chega despois de conseguir o seu décimo sexto campionato de España absoluto de squash, disputado no mes de febreiro no Milladoiro, e de lograr no mes de maio a medalla de bronce coa selección española no campionato de Europa.

En dito campionato lesionou o seu xeonllo dereito e non sabía se ía poder xogar o campionato europeo. “Teño roto parcialmente o ligamento cruzado. Fixen traballo de rehabilitación para fortalecer o xeonllo e fai dúas semanas comencei a adestrar con raqueta", explica Golán. Por iso, se cabe, este campionato, aínda ten máis importancia.