[23-06-2018] Estas dúas últimas semanas realizáronse novas xuntanzas das comisións de Orzamentos Participativos 2018 para a mocidade e para o rural, onde se informou e se analizaron as preto de 500 propostas presentadas. En ditas xuntanzas elaboráronse as listaxes de propostas que terá que votar a veciñanza de Ames para incluír nos Orzamentos Participativos 2018. Para o rural haberá que elixir entre 112 propostas, mentres que a mocidade terá que votar entre 46 propostas. As asembleas de votación serán do 25 de xuño ao 5 de xullo nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais das parroquias do rural. Todas as parroquias presentaron propostas e todas as parroquias están representadas na comisións do rural e participan deste proceso.
O proceso dos Orzamentos Participativos 2018, posto en marcha a comezos do pasado mes de abril segue avanzando. Deste xeito, acaban de elaborarse as listas coas propostas elixidas para o rural e para a mocidade, entre as que haberá que votar, para posteriormente, incluílas nos orzamentos e executalas antes do 31 de decembro de 2018.
O número de propostas seleccionadas na Comisión de Orzamentos Participativos 2018 para o rural foi de 112. Divididas por parroquias quedan do seguinte xeito: 13 para Ortoño, 5 para Tapia, 2 para Lens, 7 para Bugallido, 10 para Covas, 7 para Piñeiro, 17 para Biduído, 25 para Ames, 18 para Agrón, 5 para A Ameixenda, e 3 para Trasmonte. Estas propostas foron elixidas entre un total de 387 propostas presentadas. Todas as parroquias presentaron propostas e todas as parroquias están representadas na comisións do rural e participan deste proceso. Tamén se elaborou unha listaxe coas propostas non admitidas do rural.
Asemade, na comisión de Orzamentos Participativos 2018 para a Mocidade informouse e analizáronse as 102 propostas presentadas. En dita xuntanza elaborouse a listaxe de propostas non admitidas de Mocidade e maila listaxe de propostas finais para votación dos Orzamentos Participativos para a Mocidade. O número de propostas finais entres as que haberá que votar é de 46 (20 de investimentos para á mocidade e 26 de actividades para a mocidade). As listaxes coas propostas finais de votación pódese ver no apartado de AVISOS da páxina web municipal e nos taboleiros de anuncios dos locais sociais parroquias.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, anima “á veciñanza a que acuda a votar as propostas presentadas nos Orzamentos Participativos durante estas dúas semanas de votacións (do 25 de xuño ao 5 de xullo). Agradecemos novamente o traballo e compromiso das veciñas/os do rural e das mozas/os que participan nas Comisións e tamén aquelas persoas que participaron entregando preto de 500 propostas. Esperamos poder dar respostas a estas demandas e continuar construíndo espazos de construción colectiva".
Asembleas de votación: do 25 de xuño ao 5 de xullo
As asembleas de votación serán do 25 de xuño ao 5 de xullo nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais das parroquias do rural. As propostas finais para a mocidade poderán ser votadas por mozos e mozas que teñan entre os 16 e os 30 anos, mentres que as propostas para o rural poderán ser votadas por calquera persoa de 16 anos en diante. En ambos os dous casos as persoas para votar deberán levar o seu DNI e estar empadroados no Concello de Ames. A asemblea final de reconto de votos será o venres, 6 de xullo, ás 20.00 horas, na Casa do Concello.
Este ano 2018, o goberno municipal destina 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga propostas e decida o seu gasto. A contía de 132.000 euros repartidos en partes iguais (12.000 euros) por cada unha das 11 parroquias para investimentos no rural: Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño. Ademais, 50.000 euros destinaranse a dous investimentos para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos a mocidade, localizados un en Bertamiráns (25.000€) e outro no Milladoiro (25.000€) e 10.000 euros destinaranse a actividades ou programas dirixidos á mocidade do Concello.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames va a votar 112 iniciativas rurales y 46 para la juventud"
La Voz de Galicia: "Los vecinos votarán 158 propuestas para el rural y para jóvenes"
Compostela 24 Horas: "Ames decide os seus investimentos para este 2018"