Solapas principales

Inscríbete e participa no campus de verán de fútbol sala “Meigas e Trasgos”

Viernes, 22 de junio de 2018

[22-06-2018] O FC Meigas e a EFS Trasgos, en colaboración co Concello de Ames, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia, organizan un Campus de verán de fútbol sala, que se desenvolverá durante a primeira quincena do próximo mes de xullo na área deportiva de Bertamiráns. Dirixido a nenas e nenos nados entre o 2002 e o 2013, o campus contará con servizo de gardería, entre as 9:00h e as 10:00 e ata as 14:30 horas. Para participar é preciso inscribirse, chamando ao número de teléfono 670 51 81 20 ou enviando un correo electrónico a fcmeigas@gmail.com. Hai 50 prazas dispoñibles.

Tras o éxito das dúas anteriores edicións, en verán e Nadal, o FC Meigas e a EFS Trasgos volven achegar o fútbol sala aos rapaces e rapazas de Ames durante este verán. A iniciativa suporá unha oportunidade para gozar do fútbol sala, baixo a responsabilidade de adestradores e monitores profesionais, que farán que as nenas e nenos participantes teñan mañás cheas de diversión, actividades e aprendizaxe. O Campus de Verán transcorrerá entre o 2 e o 13 de xullo, na área deportiva de Bertamiráns, en horario de 10:00h a 14:00 horas. Haberá servizo de gardería de 9:00h a 10:00 e de 14:00 a 14:30h.

O Campus de verán estará orientado a nenas e nenos nados entre o 2002 e o 2013. Trátase dunha experiencia multidisciplinar na que o nexo común será o fútbol sala, máis os rapaces e rapazas participantes poderán introducirse noutras disciplinas como baloncesto, voleibol, fútbol americano ou béisbol. Ademais, non faltarán as actividades na piscina descuberta de Bertamiráns e outras moitas sorpresas para todos os nenos e nenas que se animen a participar do Campus. Todo, baixo o paraugas da colaboración, traballo en equipo e adquisición de valores, eixos fundamentais do labor de aprendizaxe do FC Meigas e a EFS Trasgos.

Inscricións e prezos
A inscrición nesta actividade pódese facer a través do enderezo de correo electrónico fcmeigas@gmail.com. Tamén se pode efectuar, chamando ao número de teléfono 670 51 81 20. Existe un número máximo de 50 prazas dispoñibles e a posibilidade de acudir unha ou dúas semanas, tanto do 2 ao 6 de xullo como do 9 ao 13 do mesmo mes.

O prezo por participante é de 120 euros para as dúas semanas, cun desconto de 20€ para as nenas e nenos do FC Meigas e da EFS Trasgos. O prezo para unha semana é de 65 euros, cun desconto de 10€ para as nenas e nenos do FC Meigas e da EFS Trasgos. Para obter máis información sobre esta actividade, pódese visitar a páxina web www.fcmeigas.com.


Contido relacionado


Lindeiros: "Campus de verán Meigas e Trasgos de fútbol sala"