Solapas principales

O Punto Limpo sumou 463 entradas no mes de maio

Sábado, 23 de junio de 2018

[23-06-2018] As cifras de entregas rexistradas no centro de depósito de residuos do Punto Limpo, localizado no polígono do Milladoiro, volven amosar o compromiso da veciñanza amesá co medio ambiente. No mes de maio, producíronse 461 entradas de materiais diferentes aos que se depositan nos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser.

Ao longo do pasado mes de maio, foron 463 as persoas que se achegaron ata o Punto Limpo, co obxectivo de depositar alí todo tipo de residuos, facilitando así a súa xestión e evitando o seu depósito de xeito incontrolado. Desta maneira, as veciñas e veciños de Ames demostraron, un mes máis, a súa preocupación medioambiental, o que se vén reflectindo nas cifras rexistradas desde a súa posta en marcha no mes de xaneiro de 2007.

Deste xeito, en maio, a veciñanza amesá entregou no Punto Limpo 2.900 quilos de equipos electrónicos, 100 quilogramos de envases baleiros contaminados e 256 quilos (32 unidades) de pneumáticos. De igual maneira, tamén foron entregadas no Punto Limpo 70 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 90 quilos (6 unidades) de baterías de chumbo, 17 quilogramos (600 unidades) de pilas e 32 unidades de aerosois.

Así mesmo, tamén se depositaron neste punto os entullos procedentes de obras menores, que sumaron 20 metros cúbicos, aos que se sumaron outros 20 metros cúbicos de plásticos, 30 de metais e outros 50 de madeira, así como 193 quilogramos de pintura. A veciñanza amesá tamén achegou, durante o mes de maio, 62 litros de aceites vexetais e outros 43 de aceite de motor. Neste mes, o Punto Limpo tamén recolleu 6 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 60 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo é un espazo no que as veciñas e veciños de Ames poden deixar aqueles obxectos e materiais que non deben ser depositados nos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro e papel. O espazo atópase situado na rúa das Hedras, no polígono do Novo Milladoiro.

O horario de apertura é de 10:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 18:00 horas, de luns a venres. Os sábados, o horario é de 09:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00 horas. Ademais, as persoas que teñan calquera dúbida en relación ao Punto Limpo poderán chamar ao número de teléfono 981 536 688, mentres que se queren solicitar a recollida de voluminosos e obxectos a domicilio terán que contactar a través do número 981 191 240.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos e capacitado para recibir os residuos das persoas censadas en Ames, que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para as veciñas e veciños do concello. O Punto Limpo ten como obxectivos favorecer a separación de residuos en orixe, contribuír á reciclaxe dos residuos recollendo os enseres domésticos, así como participar na loita contra os vertidos incontrolados.