Solapas principales

O Concello súmase á concentración convocada pola Plataforma Feminista Galega de Ames en repulsa do asasinato de María Magdalena Moreira Alonso

Miércoles, 20 de junio de 2018

[20-06-2018] O Concello de Ames fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas pola Plataforma Feminista Galega para este mércores, 20 de xuño, en dezasete cidades e vilas galegas, en repulsa do caso de violencia machista que acabou coa vida de María Magdalena Moreira Alonso, de 47 anos, asasinada a tiros polo seu marido este pasado luns 18 de xuño, no Porriño, o mesmo día que tiñan pensado asinar o divorcio. Un dos lugares onde se vai a desenvolver unha destas concentracións é a praza da Maía, situada en Bertamiráns, ás 20.30 horas.


A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destacou que “dende o Concello de Ames unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a veciñanza amesá contra este asasinato. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta. Por iso, animamos a todas as veciñas e aos veciños a que participen na concentración convocada este mércores, 20 de xuño, ás 20.30 horas, pola Plataforma Feminista Galega de Ames”.

Asemade, tal e como se aprobou en pleno, recollido na moción presentada pola Plataforma Galega Feminista de Ames, gardarase un minuto de silencio ao inicio do pleno ordinario deste mes de xuño, en repulsa do caso de violencia machista que acabou coa vida de María Magdalena Moreira Alonso, de 47 anos, asasinada a tiros polo seu marido este pasado luns 18 de xuño, no Porriño, o mesmo día que tiñan pensado asinar o divorcio.

O Concello de Ames pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato, asesoramento xurídico e/ou acompañamento psicosocial o CIM de Ames (Centro de Información a Muller). Para elo poden achegarse ata os departamentos de Servizos Sociais ou chamar aos números de teléfono de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941, ou directamente ao teléfono do CIM: 662371392 . Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.