Solapas principales

A plataforma veciñal N550 convoca unha manifestación no Milladoiro para este xoves 21 de xuño

Martes, 19 de junio de 2018

[19-06-2018] A Plataforma pola humanización da estrada N550 ao seu paso polo Milladoiro convocou unha manifestación para este xoves, 21 de xuño, co obxectivo de realizar unha marcha pola avenida de Rosalía de Castro e cortar o tráfico. A marcha sairá dende a rúa de Castelao ás 20:00 horas. Os/as manifestantes baixarán pola avenida de Rosalía de Castro ata a rotonda que está na entrada do Milladoiro e volverá pola avenida de Rosalía de Castro ata a rúa da Madalena onde rematará. Dende a devandita plataforma solicitan a participación da veciñanza amesá para amosar o rexeitamento ao actual estado da N-550 e pedir a súa humanización.

Baixo o lema “Que isto se mova... Depende de ti!!” a plataforma veciñal N550 convocou unha manifestación para este xoves, 21 de xuño, no Milladoiro, co obxectivo de realizar unha marcha pola avenida de Rosalía de Castro e cortar o tráfico. Dende a devandita plataforma manifestan: “chegou o momento de saír a rúa, por iso a túa presenza é moi importante e necesaria para amosar o rexeitamento ao actual estado da N-550 e pedir a súa humanización”.

A marcha sairá dende a rúa de Castelao ás 20:00 horas. Os/as manifestantes baixarán pola avenida de Rosalía de Castro ata a rotonda que está na entrada do Milladoiro e volverá pola avenida de Rosalía de Castro ata a rúa da Madalena onde rematará. Dende a devandita plataforma solicitan a participación da veciñanza amesá para amosar o rexeitamento ao actual estado da N-550 e pedir a súa humanización.

O obxectivo é visibilizar a necesidade de buscar solucións para os problemas de tráfico que afectan aos veciños e veciñas do Milladoiro, debido a gran cantidade de vehículos que circulan diariamente pola N-550, ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro. O Concello de Ames realizou os trámites necesarios ante a Subdelegación do Goberno para autorizar dita manifestación. A Policía Local de Ames e mailos membros da Agrupación de Protección Civil encargaranse da seguridade.

Solicitude de reunións coa Xunta e con Fomento
Por outra banda, na asemblea xeral realizada o pasado 5 de xuño, a plataforma veciñal N550 acordou solicitar unha xuntanza coa Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Dende a Corporación municipal solicitouse unha xuntanza coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, pero dita reunión non se mantivo ata este momento. Debido a iso, dende a Plataforma consideran que é necesario manter dita xuntanza coa conselleira para abordar as medidas a curto prazo que se poden executar.

Ademais, a Corporación municipal solicitará unha nova reunión con representante do ministerio de Fomento, tralos cambios producidos no goberno do Estado. Cómpre lembrar que, na xuntanza do pasado mes de marzo, o Director xeral de Estradas, Jorge Urrecho, a instancias dos representantes municipais comprometeuse a incluír dentro dos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 o inicio do estudo da variante do Milladoiro, para desviar o tráfico da avenida de Rosalía de Castro. A realidade é que en ditos Orzamentos non hai ningunha partida para tal fin.

Por último, en dita asemblea deuse conta de que houbo novas incorporacións á Comisión Xestora da Plataforma, que pasa a estar formada por 10 persoas. Tamén se creou unha petición sobre esta reivindicación na plataforma Change.org e creouse unha páxina de Facebook para dar maior visibilidade as actuacións que se están levando a cabo neste eido. Para obter máis información acerca da labor desenvolvida por esta agrupación de veciñas e veciños, pódese consultar o blogue N550milladoiro.blogspot.es. Así mesmo, a plataforma conta co enderezo de correo electrónico N550milladoiro@gmail.com, que está á disposición da veciñanza.

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "A plataforma veciñal N550 convoca unha manifestación no Milladoiro para este xoves 21 de xuño"