Solapas principales

Comezan as obras para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro que teñen un presuposto de 2,3 millóns de euros

Viernes, 15 de junio de 2018

[15-06-2018] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, visitaron a parcela onde comezaron as obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Neste visita tamén participaron varios concelleiros e concelleiras do goberno municipal e do grupo municipal do Partido Popular. O proxecto foi adxudicado á empresa Construcciones Ramírez S.L.U. por un importe de 2.371.847 euros (IVE incluído). O prazo previsto para a execución das devanditas obras é de 17 meses, polo que se agarda que a finais de 2019 o novo centro de saúde estea rematado.


Licitación e adxudicación do proxecto
Cómpre lembrar que o pasado 26 de setembro de 2017 aprobouse o expediente de contratación en relación ao procedemento de adxudicación da obra de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Posteriormente, o 13 de outubro de 2017 o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e ao delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, xunto con membros do goberno municipal e dos grupos da oposición, visitaron a parcela onde se está construíndo esta infraestrutura para presentar o proxecto e anunciar a licitación das devanditas obras. Posteriormente, o 3 de maio de 2018 a Axencia Galega de Infraestruturas notificoulle ao Concello de Ames a adxudicación do contrato de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Agora, unha vez feita a formalización do contrato, puideron comezar as devanditas obras.

Distribución das áreas do centro de saúde
A área pediátrica terá dúas consultas de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica; mentres que a área da muller terá unha consulta de matrona e unha sala de educación para a saúde. O centro terá así mesmo unha área de fisioterapia e rehabilitación, un despacho para o traballador social, unha área de persoal e disporá dos servizos de apoio e administrativos necesarios para o funcionamento das instalacións. En total, o centro de saúde disporá dunha superficie construída de máis de 2.100 metros cadrados.

O edificio está composto basicamente dunha planta, á que se accederá dende a parte alta da parcela, destinada ás zonas de uso público. Como o terreo ten unha pendente, na zona onde a superficie é máis baixa hai tamén unha planta -1, que albergará a zona restrinxida ao persoal, instalacións e almacéns.

O esquema de funcionamento do edificio está estruturado en bloques, cada un deles cun uso concreto: un para pediatría e área da muller, tres para consultas de adultos e o último para fisioterapia. Este novo centro da rede sanitaria pública galega, que atenderá unha poboación de arredor de 14.000 persoas, suporá que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, dando unha mellor resposta ás necesidades de saúde presentes e futuras dos veciños de Ames.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e mailo alcalde de Ames, José Miñones, supervisaron esta mañá o inicio das obras de construción do futuro centro de saúde do Milladoiro, que, a comezos do mes de maio, a Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, adxudicou á empresa Construcciones Ramírez S.L.U. por un importe de 2.371.847 euros (IVE incluído). En dita visita tamén participou o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, a concelleira de Sanidade do Concello de Ames, Luísa Feijóo, membros do grupo municipal popular e integrantes da asociación Arcea-Adames.

Durante a visita presentouse o proxecto e falouse das distintas dependencias que terá este novo equipamento. Os traballos teñen un prazo de execución de 17 meses. Este novo centro da rede sanitaria pública galega, construirase nunha parcela cedida polo Concello que ten unha superficie de aproximadamente 5.000 m2. O edificio contará cunha área de medicina con seis consultas de medicina xeral, catro de enfermería e cadansúas consultas de farmacia, odontoloxía e hixienista dental; ademais dunha sala de toma de mostras, e tres consultas polivalentes.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou “hoxe estamos no Milladoiro para ver o comezo das obras do que será o novo centro de saúde do Milladoiro, algo moi esperado e moi demandado pola veciñanza de Ames. Por iso, a eles e elas son aos que lle teño que agradecer a súa paciencia ao longo de todos estes anos que se leva fanlado deste novo centro de saúde. Trátase dun proxecto moi funcional que cubrirá as necesidades da poboación desta localidade”.

Miñones tamén quixo agradecerlle á Xunta as xestións realizadas ata o día de hoxe. “Unhas xestións que eu en 2009 comecei sendo concelleiro de Sanidade e tiven que tramitalas coa que era naquel momento conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, e posteriormente coa conselleira Rocío Mosquera, e agora con Jesús Vázquez Almuiña. Agradecerlles o trato recibido e que tiveron o mesmo pensamento que nós, que esta infraestrutura era moi necesaria para O Milladoiro”.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou “a presenza nosa hoxe no Milladoiro é para darlle a importancia que ten esta obra e para que saiban os veciños e veciñas do Milladoiro, que en aproximadamente un ano e medio, van a dispor do que será un dos centros de saúde máis modernos de Galicia. O Milladoiro merece esta nova infraestrutura polo crecemento que experimento nos últimos anos. A construción deste novo centro de saúde enmárcase dentro do plan da Xunta de Galicia para potenciar a atención primaria. Deste xeito, durante esta lexislatura vamos a construír ou ampliar uns 20 centro de saúde por un valor de máis de 53 millóns de euros. Este é un dos proxectos máis importantes que se van executar, cunha superficie de máis de 2.000 metros cadrados e un investimentos de 2,3 millóns de euros”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Obras para un centro de salud en Milladoiro cuya apertura retrasan hasta finales de 2019"
La Voz de Galicia: "Las obras del nuevo centro de salud de Milladoiro están por fin en marcha"
Compostela 24 Horas: "Centro de Saúde do Milladoiro: o inicio da realidade"