Solapas principales

Abren as piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e maila praia fluvial de Tapia

Sábado, 16 de junio de 2018

[16-06-2018] Esta fin de semana comeza oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abren ao público por primeira vez este ano. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo. Antes da apertura o goberno municipal realizou obras de mellora nestas instalacións.

As piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e a área recreativa de Tapia, que se atopa ás beiras do río Tambre, convértense durante os meses de verán en lugares moi concorridos por todos os veciños e veciñas de Ames. A apertura destas instalacións chega nun momento moi propicio xa a predición meteorolóxica indica que a próxima semana as temperaturas van rondar os 30 grados. Estas instalacións preséntanse como grandes alternativas aos areais da costa galega. Estarán abertas ata o vindeiro 15 de setembro.

Para que estas instalacións estean en perfectas condicións de cara ao inicio da temporada estival, o Concello de Ames estivo acondicionando as piscinas municipais descubertas e a área recreativa de Tapia durante as últimas semanas. Deste xeito, no Milladoiro, onde existen dúas piscinas (unha para as persoas adultas cunha profundidade de 2,10 metros e outra para os cativos que conta cunha profundidade de medio metro), realizáronse varios traballos de mantemento. Deste xeito, ampliouse a zona verde de campo, sementouse novo céspede e arranxouse o sistema de rego.

Por outra banda, en Bertamiráns existe unha única piscina que dispón dunhas dimensións de 27 metros de longo por 13 metros de ancho e unha profundidade de 1,70 metros. Neste caso ampliouse a zona de céspede artificial para dispor de maior zona verde, sementouse novo céspede, ao igual que no Milladoiro, e instalouse un sistema de rego automático. En ambas as dúas instalacións, loxicamente, tamén se fixeron traballos de limpeza dos vasos das piscinas e clorado da auga.

A área fluvial de Tapia tamén se estivo acondicionado durante as últimas semanas. Realizáronse traballos de lavado das zonas de pedra, sementouse novo céspede, reparouse o sistema de rego, acondicionouse a zona do aparcadoiro, lavouse o vaos da piscina e clorouse a auga de dita piscina.

Servizo de vixilancia e socorrismo
Asemade, este ano o goberno municipal licitou o servizo de vixilancia, socorrismo e primeiros auxilios. Dito servizo foi adxudicado á empresa Serviplustotal SL por un importe de 182.468 euros. A duración inicial do contrato será de dous anos podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prórrogas).

O servizo de vixilancia e socorrismo comezou a prestarse o día 15 de xuño e estará activo ata o 15 de setembro, incluídos os domingos e os festivos. O horario será ininterrompido, pero haberá diferencias entre Tapia e as piscinas. Así, na praia fluvial de Tapia haberá catro socorristas, mentres que nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns haberá dous socorristas en cada unha das piscinas. Este persoal traballa en quendas para cubrir o horario completo no que estas instalacións están abertas.

Para completar os labores de vixilancia cóntase con seis vixiantes (dous en cada unha das instalacións). Estas persoas son as encargadas de limpar as piscinas descubertas, controlar a entrada a estas instalacións e de manter a orde dentro dos recintos. Cada piscina ten asignados dous vixiantes, que desenvolverán as tarefas por quendas, polo que sempre haberá unha persoa traballando para manter as instalacións.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Las piscinas públicas de Ames y Negreira serán las primeras en abrir al público, este viernes"
La Voz de Galicia: "Las piscinas públicas y la playa fluvial de Tapia, listas para el baño"