Solapas principales

Este sábado celébrase o IX Encontro de Patinaxe das Escolas deportivas con 393 participantes

Jueves, 03 de mayo de 2018

[03-05-2018] O pavillón municipal de Bertamiráns acollerá este sábado, 5 de maio, a novena edición do Encontro de Patinaxe das Escolas deportivas de Ames. O encontro incluirá o desenvolvemento de actuacións grupais, de parellas e individuais, de diferentes niveis, da man das patinadoras e patinadores das Escolas deportivas do Milladoiro, Bertamiráns e Barouta. Así mesmo, as competicións grupais tamén contarán coa participación das mozas e mozos de grupos de patinaxe artística de Brión, Rois e La Salle. O evento desenvolverase ao longo da xornada, comezando ás 09:30 horas e finalizando despois das 21:15h, cun desfile de participantes e coa entrega de trofeos. O encontro está organizado conxuntamente polo CPA Omega e o CP Sarela, en colaboración co Concello de Ames.

Este sábado, 5 de maio, celébrase o IX Encontro de Patinaxe das Escolas deportivas no pavillón municipal de Bertamiráns. A celebración deste evento busca consolidar este deporte como unha das actividades con maior éxito dentro das Escolas deportivas municipais, como é actualmente. O encontro, que mesturará música, baile, coreografías, colorido e moita emoción, contará coa participación de 393 patinadoras e patinadores de diferentes clubs. Desta maneira, participarán neste noveno encontro as Escolas deportivas do Milladoiro, Bertamiráns e Barouta, así como grupos dos clubs de Brión, Rois e La Salle. A competición terá tres modalidades: de grupo, individuais e de parella. Os clubs doutros concellos só poderán participar na modalidade grupal.

O evento comezará ás 09:30 horas coa apertura de portas. A competición iniciarase, a partir das 10:00 horas, coas actuacións grupais dos niveis 1, 2 e 3. De seguido, ás 11:40h, haberá unha exhibición por parte do Club de Patinaxe Sarela. Posteriormente, terán lugar as actuacións individuais do nivel 0 e as de parellas dos niveis 1 e 2. A mañá finalizará cunha exhibición de parellas dos clubs de Ames, ás 12:55 horas, e co desfile de participantes e a entrega de trofeos a partir das 13:05h.

A sesión da tarde comezará ás 15:30 horas coas competicións individuais dos niveis do 1 ao 7. As portas do pavillón estarán xa abertas a partir das 15:00 horas, para que o público asistente se poida ir acomodando nas gradas. A partir das 20:55h, após a realización das competicións, algunhas das patinadoras do CPA Omega e do CP Sarela realizarán unha serie de exhibicións individuais. A patinadora Nadia Iglesias, actualmente 3ª na categoría Junior dos World Roller Games, clausurará a xornada cunha exhibición propia. A xornada rematará, ao igual que pola mañá, co desfile de participantes e coa entrega de trofeos.

Desde a Concellaría de Deportes celébrase a cooperación entre ambos clubs en prol dun deporte que está a ser referencia en Ames. O alcalde, Jose Miñones, cree que "esta exhibición das escolas de patinaxe é un claro exemplo do que supón o deporte en Ames, ao que ano tras ano as familias responden enchendo o pavillón". O IX Encontro de Patinaxe das Escolas deportivas foi organizado conxuntamente polo CPA Omega e o CP Sarela, en colaboración co Concello de Ames. Coa súa celebración, preténdese amosar á veciñanza o traballo do conxunto das Escolas deportivas municipais e o esforzo, a dedicación e a profesionalidade que poñen as cativas e cativos na práctica deste deporte. A entrada será libre e gratuíta para todas aquelas persoas que queiran asistir.