[23-03-2018] Este xoves, 22 de marzo, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a fase de zona de Ames do Club de Debate. No total, participaron oito equipos dos tres centros de ensino secundario do concello: tres do IES de Bertamiráns, tres do IES do Milladoiro e dous do Colexio Alca. Após a realización dos debates, centrados no tema “A mocidade do século XXI é feminista”, resultaron gañadores os equipos Abrapalabra e Apalabrando, ambos do instituto de Bertamiráns. A final galega, á que pasarán estes dous equipos, celebrarase o sábado, 5 de maio, no Teatro Jofre de Ferrol. O tema escollido sobre o que se debaterá na fase final será “As TIC favorecen o uso do galego”.
A fase de zona de Ames do Club de Debate celebrouse este xoves, 22 de marzo, na Casa da Cultura do Milladoiro. O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, foron os encargados de inaugurar a xornada. “O Club de Debate é unha iniciativa moi importante para a formación do alumnado, orientada a vencer o medo a expresarse en público. Eu, persoalmente, non tiven a oportunidade de participar en proxectos deste tipo cando era estudante, polo que vos animo a que aproveitedes a experiencia, aprendades o máximo posible e coñezades as compañeiras e compañeiros dos outros centros”, apuntou José Miñones na presentación.
A xornada rematou ás 18:45 horas, cando se deron a coñecer as puntuacións finais de cada equipo. O equipo Falar sen Cancelas do IES de Bertamiráns obtivo 334,40 puntos; o equipo Lume do Colexio Alca conseguiu 305,30 puntos; o equipo Son da rúa do IES do Milladoiro sumou 244,10 puntos; o equipo Ninfas do IES do Milladoiro obtivo 191,50 puntos; o equipo Apalabrando do IES de Bertamiráns tivo 341,80 puntos; o equipo Vagalume do IES do Milladoiro conseguiu 261,50 puntos; o equipo Abrapalabra do IES de Bertamiráns acadou 365,20 puntos; e por último, o equipo Os Biosbardos do Colexio Alca obtivo 329,50 puntos.
Desta maneira, resultaron gañadores desta fase os equipos Abrapalabra e Apalabrando, ambos do IES de Ames. A puntuación conseguida por cada grupo foi comunicada pola presidenta do xurado, Inmaculada Seage, técnica de Normalización Lingüística. Tamén formaron parte do xurado desta fase de zona os xornalistas Xoana Pardo e Juan Silva, o xefe de Publicacións da Universidade de Santiago, Juan Blanco Baldés, e a profesora de secundaria, Noemí Pazó.
A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, quixo agradecer ao final da xornada a implicación do alumnado. “Coa vosa participación demostrastes que sodes todas e todos uns valentes. Espero que no futuro gardedes un bo recordo da experiencia, do que aprendestes e do ben que o pasastes. Nesta fase de zona participaron oito equipos de Ames, conformados por arredor de 80 estudantes de terceiro e cuarto de ESO e de primeiro de Bacharelato dos tres centros de ensino secundario do concello. O tema escollido para os debates foi “A mocidade do século XXI é feminista”.
Fase final
Os dous primeiros equipos clasificados, Abrapalabra e Apalabrando, obterán respectivamente un premio de 500 euros e outro de 300€. Así mesmo, os dous equipos participarán na final galega que terá lugar o sábado, 5 de maio, no Teatro Jofre de Ferrol. Nesta fase terán que debater acerca de se as TIC favorecen o uso do galego. O equipo que resulte gañador na final galega será galardoado cunha viaxe multiaventura dunha fin de semana, a través da que se poderán achegar, entre outras cousas, ao patrimonio lingüístico mediante actividades lúdicas nas que a lingua galega terá un papel fundamental, en consonancia co obxectivo principal do proxecto, que non é outro que promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais.



Contido relacionado

Ames Go: "Os equipos Abrapalabra e Apalabrando do IES de Bertamiráns gañan a fase de zona de Ames do Club de Debate"
Compostela 24 Horas: "Los equipos "Abrapalabra" y "Apalabrando" del IES de Bertamiráns ganan la fase de zona de Ames del Club de Debate"
El Correo Gallego: "El IES de Ames pasa a la final de debate y el negreirés la busca"




