Solapas principales

O goberno municipal e Ames Novo constatan novos avances na busca dun acordo para a aprobación dos orzamentos de 2018

Jueves, 22 de marzo de 2018

[22-03-2018] Na tarde do pasado día 20 de marzo o goberno municipal, representado pola concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero (Contigo Pódese), e os concelleiros de Infraestruturas e Servizos Básicos, Blas García (PSOE), e Educación e Cultura, David Santomil (BNG), mantivo unha nova reunión con Ames Novo, representado polo seu voceiro, Quique Costas, e pola concelleira Carmen Calviño. Ambas partes manifestan que intensificarán os contactos nas vindeiras horas, no intento de deixar pechados os orzamentos nesta mesma semana.

Nesa xuntanza volveron achegarse posturas sobre as propostas previamente intercambiadas por ambas partes, e expuxéronse saídas posibles para aqueles puntos nos que subsisten as discrepancias, acadando consenso nas modificacións de partidas correspondentes ás áreas de Mocidade, Servizos Sociais e Turismo. Quedan aínda sobre a mesa cuestións relativas a Medio Ambiente e modificacións no sistema de impostos.

Ambas as partes acordaron intensificar as negociacións co obxectivo de poder acadar un acordo global dentro desta mesma semana, cumprindo así o prazo inicialmente pactado, de xeito que estes orzamentos poidan ser levados a Pleno na primeira quincena de abril.

En palabras de Quique Costas, voceiro do grupo municipal Ames Novo, “en xeral podemos dicir que levamos andado camiño desde o inicio dos contactos na procura duns orzamentos que sexan os mellores posibles para o noso concello e a súa cidadanía. Mesmo así, aínda persisten puntos de discrepancia que estamos traballando conxuntamente para resolver”.

Pola súa parte a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, manifestou “as negociacións están a facerse nun ambiente de cordialidade e conseguindo o entendemento en moitas das propostas, polo que intensificaremos as xuntanzas para intentar acadar canto antes un acordo polo ben da veciñanza amesá”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Intensifícanse os contactos en Ames para a aprobación dos orzamentos"
La Voz de Galicia: "El tripartito y AN quieren concluir esta semana la negociación de los presupuestos"