[07-03-2018] Esta mañá unha representación da corporación municipal do Concello de Ames mantiveron unha xuntanza no Ministerio de Fomento, en Madrid, co Director xeral de Estradas, Jorge Urrecho, e o seu xefe de gabinete. En dito encontro entregóuselle un documento explicativo do problema que leva sufrindo a veciñanza do Milladoiro debido ao numeroso tráfico de vehículos que pasa diariamente pola avenida de Rosalía de Castro.

Estudo da variante do Milladoiro
Ademais, o Director xeral de Estradas, Jorge Urrecho, a instancias dos representantes municipais comprometeuse a incluír dentro dos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 o inicio do estudo da variante do Milladoiro, para desviar o tráfico da avenida de Rosalía de Castro. De xeito paralelo, comprometéronse a realizar un estudo máis detallado das alternativas existentes e quedaron en trasladarllo ao Concello nas vindeiras semanas.
Dende Fomento tamén falaron da recuperación do proxecto que recolle a execución dunha glorieta de dobre altura na rotonda de entrada ao Milladoiro (dende Santiago de Compostela), para solucionar os problemas de tráfico e posibilitar a desviación directa do tráfico rodado cara o polígono industrial Novo Milladoiro sen ter que chegar a dita rotonda.
O director xeral trasladou aos representantes da corporación a inviabilidade da proposta presentada no seu día polo Concello para a execución dun túnel por importe de 65,3 millóns de euros. Dende o Ministerio conclúen que o investimento duplicaríase e sería irrealizable na actualidade.
Xuntanza coa conselleira de Infraestruturas
Dende o Ministerio de Fomento tamén confirmaron esta mañá que o vindeiro luns, 12 de marzo, van a ter unha xuntanza coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e a DGT, na que se abordará todas estas cuestións. Posteriormente, dende a corporación municipal solicitarase unha reunión coa Conselleira para coñecer o falado en dita xuntanza.
Por último, cómpre destacar que dende o Ministerio de Fomento comprometeuse a trasladar unha previsión de datas para coñecer cando se van poder realizar tanto as medidas a curto prazo como as que están previstas de cara aos vindeiros anos.
A xuntanza mantida esta maña en Madrid centrouse na busca de solucións para os problemas de tráfico que afectan aos veciños e veciñas do Milladoiro, debido a gran cantidade de vehículos que circulan diariamente pola N-550, ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro. Nesta reunión os representantes do Concello de Ames solicitaron medidas a curto prazo, para minorar a densidade do tráfico que circula por esta localidade amesá, e actuacións de cara ao futuro para humanizar dita avenida.
Por parte do Ministerio trasladouse a realización de actuacións a curto prazo que pasarán por restrinxir a circulación de tráfico pesado pola avenida de Rosalía de Castro, mediante o desvío obrigatorio dos vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas dende a SC-20 cara a autoestrada AG-56 e ao corredor AC-522 ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Para iso haberá que asinar un convenio coa Xunta de Galicia que incorpore a colocación da sinalización correspondente, que prohiba o paso destes vehículos de gran tonelaxe, para evitar que circulen polo medio do Milladoiro e facer as obras precisas na glorieta das Galanas para que poidan xirar os devanditos camións.
A intención da corporación municipal será darlle traslado desta medida á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, na reunión que se solicitará con ela. Esta medida permitirá desviar o tránsito de 300 vehículos pesados de máis de 30 toneladas e máis de 1.000 camións que pasan diariamente pola avenida Rosalía de Castro do Milladoiro. Ademais, permitiría comezar a humanizar un pouco máis esta localidade amesá.
Outra das medidas das que se falou esta mañá, foi a colación duns paneis informativos para disuadir aos condutores do seu paso polo medio do Milladoiro. Trataríase de colocar un panel na zona da Rocha e nas Galanas, en ambos casos antes de entrar no Milladoiro, para informar dos tempos de paso dos vehículos pola autoestrada AG-56 e polo centro de Milladoiro. Deste xeito, reduciríase de xeito salientable o tráfico que discorre pola avenida de Rosalía de Castro, e de cara ao futuro, permitiría reducir a dous carrís de circulación dita avenida coa consecuente humanización desta rúa do Milladoiro.
Contido relacionado

Lindeiros: "Fomento quere desviar o tráfico pesado do Milladoiro pero precisa a colaboración da Xunta"
El Correo Gallego: "Fomento quere desviar o tráfico pesado do Milladoiro pola AG-56"
Compostela 24 horas: "El ministerio de Fomento se reunirá con la Conselleira de Infraestructuras de la Xunta de Galicia para buscar un convenio para el desvío de tráfico por la AG-56"
Ames Go: "Fomento comprométese a financiar o estudo para o desvío do tráfico de Rosalía de Castro"




