Solapas principales

Ames acolle o día 9 de febreiro o obradoiro de música e baile Entroidanzas

Martes, 30 de enero de 2018

[30-01-2018] A Concellaría de Normalización Lingüística pon en marcha un nova actividade dentro do programa Apego, para comezar o entroido cantando e bailando en grupo. Neste caso trátase de Entroidanzas, un obradoiro de música e baile con temas do repertorio recollido no segundo traballo do grupo galego Pesdelán. Esta actividade realizarase o venres, 9 de febreiro, ás 18:00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e ten dispoñibles 75 prazas que se outorgarán por orde de inscrición. O prazo para inscribirse estará aberto ata o día 7 de febreiro. Entroidanzas é unha actividade para que as familias veñan acompañadas das crianzas e funcione tamén como un espazo de encontro para coñecerse e compartir.

Entroidanzas é un dos últimos espectáculos de Pesdelán, que nace despois do éxito de Na punta do pé. Con este obradoiro os participantes bailarán coma folións de Ourense, converteranse en demos coma os das rúa de Lima, andarán como os corcovados do centro de Italia ou moverán os coloridos paraugas do Frevo de Pernanbuco... En definitiva, gozarán co espírito do entroido. A través deste obradoiro achégase música e bailes de distintas partes do mundo. Así, as persoas asistentes coñecerán de xeito práctico, cantando e bailando, distintos xeitos de celebrar o entroido.

A actividade, que forma parte do novo traballo musical de Pesdelán e ten un carácter dinámico, participativo e didáctico. Mediante a música, o baile e a aprendizaxe de xogos sinxelos preténdese recuperar e poñer en valor o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia. Está dirixida a público infantil acompañado de adultos.

Para participar é preciso inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e apelidos, idade e un teléfono de contacto das persoas participantes. O prazo de inscrición desta actividade, que é gratuíta, remata o próximo 7 de febreiro.

O programa Apego
Esta actividade enmárcase dentro do programa do Apego, que é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas se socialicen en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 100 familias adheridas.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo indicado máis arriba, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal



Contido relacionado


Lindeiros: "Ames acolle o obradoiro de música e baile Entroidanzas"