Solapas principales

O goberno municipal selecciona á empresa Cidadanía S. Coop. Galega para a posta en marcha dun novo proxecto de Orzamentos Participativos 2018

Miércoles, 10 de enero de 2018

[10-01-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e Rosa Muñiz Castro, Luis García García e Jesús de la Fuente Blanco, persoal técnico da empresa Cidadanía Rede de Aplicacións Sociais, Sociedade Cooperativa Galega, tiveron unha xuntanza esta mañá, no Salón de Plenos do Concello, como primeira toma de contacto unha vez seleccionada a proposta presentada pola empresa, para proceder proximamente á sinatura do contrato polo que se desenvolverán os traballos de implantación, posta en marcha e desenvolvemento dun proxecto de Orzamentos Participativos no 2018, así como o asesoramento técnico e asistencia en procesos participativos nas distintas áreas do Concello durante o ano 2018.

A intención do goberno municipal é a de dar un paso máis nesta iniciativa, posta en marcha o ano pasado, e contar con profesionais que aporten novas ideas co fin de mellorar o proceso participativo e que sexan moitas máis as propostas que desde a veciñanza se presenten neste novo ano. En 2017 presentáronse 186 propostas e preto de 200 veciños e veciñas participaron das 13 asembleas veciñais convocadas polo goberno municipal. O seguinte paso para rematar o proceso iniciado no 2017 será convocar á Comisión de Orzamentos Participativos para facer un balance final do proceso levado a cabo o ano pasado.

Co obxectivo de seguir desenvolvendo e acrecentando as fórmulas de participación directa da cidadanía na xestión municipal no 2018, solicitouse orzamento a cinco empresas especializadas na elaboración de estratexias de desenvolvemento local participativo. Tras a valoración das ofertas presentadas, propúxose a contratación do servizo coa empresa Cidadanía Rede de Aplicacións Sociais, Sociedade Cooperativa Galega, por ser a oferta mais axeitada e vantaxosa, xa que se trata dun proxecto avalado pola experiencia acreditada dunha empresa que leva anos traballando e coordinando procesos de desenvolvemento local participativo en distintos Concellos e que conta cun persoal asociado á proposta con acreditada experiencia profesional no ámbito da participación. O orzamento máximo do contrato será de 11.979 euros (Ive incluído) e a duración do servizo establécese ata final do ano 2018.

Para Genma Otero, concelleira de Economía e Facenda, os proxectos terán que “incluír xornadas de formación, de divulgación do proceso á cidadanía, onde se detalle pormenorizadamente a planificación de tarefas, metodoloxías de traballo e experiencia acreditada”. Ademáis, a concelleira incidiu na necesidade de “dar un paso máis. Esta iniciativa partiu do departamento de Economía o ano pasado e se desenvolveu por parte de goberno. Queríamos empezar nós a facer o traballo, aproveitando o contacto diario coa veciñanza para que tivera unha aceptación inicial. Agora é o momento de contar con profesionais neste ámbito que aporten novas ideas e que presten asesoramento e asistencia técnica nos procesos participativos que non só se desenvolvan con respecto aos orzamentos, senón tamén nas distintas áreas do Concello”.

Logo da sinatura do contrato, o seguinte paso será concretar as liñas a seguir para a posta en marcha do proceso de Orzamentos Participativos 2018, a cantidade a asignar para esta iniciativa e establecer unha calendarización atendendo aos obxectivos perseguidos e necesidades a atender, así como para que sexa posible a execución das propostas seleccionadas.

Para Genma Otero “as iniciativas dos orzamentos participativos deben medrar e ofrecer distintas respostas as necesidades reais establecendo modelos novos e dinámicos de participación que melloren e amplíen esa implicación da cidadanía na xestión municipal, ampliando estas iniciativas a outras áreas dentro do Concello”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames encarga a una cooperativa el arranque de los presupuestos participativos"