Solapas principales

Máis de 400 persoas asistiron ao concerto solidario realizado na igrexa do Milladoiro a favor das persoas afectadas polo lume en Carballeda de Avia

Miércoles, 20 de diciembre de 2017

[20-12-2017] A pasada fin de semana, a igrexa de San Xosé do Milladoiro acolleu un concerto solidario a favor das persoas afectadas polo lume no concello ourensán de Carballeda de Avia. Un concerto no que participaron multitude de agrupacións musicais: o coro parroquial de Ames, o coro de Oca, o de Once e o de Portor, o Coro Son Elas, a coral de amigos de Javier Otero de Ameixenda, o grupo de pandereteiras do programa Amessan, As Maianas, as pandereteiras da Baña, a banda de gaitas Os Castros, Héctor e Sofía Rial e mesmo as alumnas do curso de lingua de signos. Membros do goberno municipal e da oposición asistiron ao concerto. O diñeiro recollido, a través da doazón de cinco euros realizada por cada persoa asistente, foi integramente doado ao Concello de Carballeda de Avia.

O concerto foi organizado por varias das asociacións veciñas e culturais do Concello de Ames. A parroquia de San Tomé de Ames, a parroquia de San Xoán de Ortoño, a unidade pastoral do Milladoiro, Teo e contorna, a asociación cultural San Xoanciño, a asociación de veciños Pedra do Fuso e a asociación cultural mulleres de San Xoán de Ortoño foron as responsables de organizar o concerto solidario, que se celebrou a pasada fin de semana na Igrexa de San Xosé do Milladoiro e que contou coa colaboración do Concello de Ames e da imprenta Arigraf. Os párrocos de Santo Tomé de Ames, Manuel Blanco, de San Xoán de Ortoño, José Luis Dorelle, e da Unidade Pastoral do Milladoiro, Teo e Contorna, José Manuel Guldris, José Manuel Iglesias, Zacarias López e Alfonso Novo colaboraron tamén na realización deste concerto solidario.

As persoas asistentes puideron gozar das actuacións musicais do coro parroquial de Ames, do coro de Oca, do coro de Once e do de Portor, do Coro Son Elas, da coral de amigos de Javier Otero de Ameixenda, do grupo de pandereteiras do programa Amessan, das Maianas, das pandereteiras da Baña, da banda de gaitas Os Castros e de Héctor e Sofía Rial . No concerto participaron, asemade, as alumnas do curso de lingua de signos. Diego Viaño foi o encargado de presentar o concerto, que contou con máis de 400 persoas participantes e coa presenza de membros do goberno municipal e da oposición. Ao concerto tamén asistiu o alcalde do Concello de Carballeda de Avia, Luis Milia Méndez.

A iniciativa foi unha idea da presidenta da asociación San Xoanciño de Pousada, María Xosé Bello e do seu fillo Alex. Os dous xunto co presidente da asociación de veciños Pedra do Fuso, Manolo Seijas, levaron un cargamento de víveres, roupa e elementos de aseo persoal ás veciñas e veciños de Carballeda de Avia, afectados polos lumes após a vaga de incendios de mediados de outubro. Estes obxectos foran doados, previamente, por amigas e amigos, moitas e moitos deles veciños de Ames, así como de Santiago, Os Ánxeles, Teo, Madrid e Zamora. Do mesmo xeito, tamén foron os responsables dun envío de auga potable ao concello afectado. O diñeiro recadado no concerto, a través do donativo de cinco euros realizado por cada persoa asistente, foi integramente entregado ao Concello de Carballeda de Avia.