Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro “Fálame moito e ben” do programa Apego

Miércoles, 22 de noviembre de 2017

[22-11-2017] Dirixido a familias con crianzas entre os 0 e os 6 anos ou a futuras mamás e papas, o obradoiro Fálame moito e ben - que está destinado a un público adulto -, terá lugar o vindeiro xoves, 30 de novembro, ás 18:00h, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Esta actividade, encadrada dentro do programa Apego do Concello de Ames, consiste nunha charla-obradoiro na que se abordarán cuestións como a estimulación e o proceso de adquisición da linguaxe, tamén cando conviven dúas linguas, e a evolución comunicativa das crianzas. Para participar é preciso inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e idade das fillas ou fillos das persoas participantes e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición remata o 28 de novembro. A actividade é gratuíta.

O vindeiro xoves, 30 de novembro, terá lugar unha nova actividade do Programa Apego no Concello de Ames. Será a charla-obradoiro Fálame moito e ben, que se desenvolverá ás 18:00, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A actividade, que está dirixida a un público adulto (familias con crianzas entre os 0 e os 6 anos e futuras nais e pais), achegarase ao período de adquisición da linguaxe, ofrecendo pautas e recursos, como xogos e cancións, para estimular e mellorar esa adquisición.

A charla-obradoiro será impartida por Raquel Bello Varela, psicóloga e especialista en Familia, integrante do equipo de Psicoloxía e Logopedia do Espazo Oikos. Esta actividade ensinará ás nais e pais as maneiras de estimular a linguaxe das crianzas, tamén cando conviven dúas linguas, os diferentes sinais informativos da evolución das nenas e nenos na aprendizaxe lingüística (que incluirá patróns para detectar atrasos na fala) e as pautas para a estimulación da linguaxe durante o período de adquisición.

Para participar é preciso inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e idade das fillas ou fillos das persoas participantes, así como un teléfono de contacto. O prazo de inscrición desta actividade, que é gratuíta, remata o próximo 28 de novembro.

O programa Apego
O programa do Apego é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas se socialicen en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 100 familias adheridas.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo indicado máis arriba, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal