[16-11-2017] Este xoves, 16 de xaneiro, estanse a desenvolver as VII Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero. Organizadas pola Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, as xornadas contaron con dúas conferencias, unha mesa redonda e outra de debate ao longo da mañá. A programación da tarde complétase coa realización de seis obradoiros. As VII Xornadas Acércate están a gozar dun grande éxito de participación.
Ás 8:30 da mañá, xa comezaban a chegar as primeiras persoas asistentes ás xornadas. A inauguración institucional tivo lugar ás 9:00 horas da man do alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, o deputado provincial de Economía e Facenda, Antonio Leira, e a técnica do Centro de Información á Muller, María Teresa Arufe.
O alcalde, José Miñones, destacou na súa intervención a importancia da loita contra as violencias machistas tanto na vida diaria como na vida institucional. “Desde o Concello de Ames consideramos que este tipo de iniciativas a prol da igualdade son moi necesarias. A realidade impélenos. Precisamos xa dunha implicación de toda a sociedade para acadar a igualdade real entre homes e mulleres. Unha implicación que, esperamos, sexa cada vez maior grazas a iniciativas como esta, que poñen o foco na prevención a través da educación, promovendo un cambio de pensamento e actitudes”. O alcalde de Ames tamén tivo unhas palabras para Carmen Amado, a veciña de Ames asasinada pola súa parella en 2003.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, centrou as súas palabras na conmemoración do Día Mundial para a Tolerancia, que se celebra cada 16 de novembro. “Estas xornadas tamén son pola tolerancia, polo respecto a maneiras de vivir, ser e pensar de maneira diferente. A tolerancia é fundamental para unha sociedade diversa, igualitaria e non violenta”. Feijóo quixo agradecer, asemade, o traballo realizado polas técnicas e técnicos municipais dos servizos sociais e do Centro de Información á Muller de Ames.
Por outra banda, o deputado provincial de Economía e Facenda, Antonio Leira, destacou a importante labor que os Concellos teñen na prevención e na loita contra as violencias machistas. “O traballo dos Concellos é fundamental, xa que coñecen a realidade sobre a que traballan de primeira man. A súa función é chave na prevención, así como no acompañamento e apoio ás mulleres vítimas de violencia machista”.
Charlas e conferencias da Xornada
Trala inauguración, celebrouse a primeira das conferencias da mañá, que foi impartida polo psicóloga e orientadora educativa, Ana Torres Jack. A conferencia estivo centrada na transmisión dos valores e estereotipos de xénero. Ás 10:15 horas, desenvolveuse unha mesa redonda sobre as consecuencias da violencia de xénero nas crianzas. Nela participaron a médica pediatra de atención primaria especialista en violencia e infancia, María Dolores Aguilar Redorta, a psicóloga da Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago e experta en violencia de xénero, Carmen González Pais, e o psicólogo da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar, Carlos de Francisco Moure.
A media mañá produciuse un pequeno descanso-café. Posteriormente, retomáronse as actividades coa mesa de debate Estratexias educativas como chave para a igualdade, na que participaron a educadora social especialista en coeducación e igualdade e cofundadora de Almas Meraki, Sara Vierna Fernández, a mestra do IES Plurilingüe Fontexería e experta en coeducación e centros de ensinanza, Sonia Fernández Casal, e a formadora de profesorado e asesora en proxectos de educación para a igualdade de oportunidades, coeducadora e mediadora social, Gloria Isabel Serrato Azat.
As actividades da mañá remataron coa conferencia – coloquio da youtuber, cineasta de pornografía, escritora e activista pro-sex, Amarna Miller. Na súa conferencia, a actriz abordou os estereotipos de xénero que, entre outras cousas, definen á muller como sexualmente pasiva. Alén diso, a súa intervención centrouse, fundamentalmente, en tres eixos: o porno feminista, o porno ético e a función educativa do porno. Miller destacou os aspectos negativos do porno "mainstream", que fan que a mocidade teña como referencia modelos de relacións daniñas e prácticas sexuais machistas. Como solución fronte a isto, Miller colocou a necesidade de máis porno feminista.
A programación continúa pola tarde
Ás 15:45h comezarán os obradoiros programados para a tarde, que estará dividida en dúas partes. As persoas participantes tiveron que escoller, á hora de inscribirse, entre dous dos seis obradoiros que se van a realizar. Deste xeito, entre as 15:45h e as 17:00h desenvolveranse os seguintes obradoiros: A comunicación positiva e eficaz para a resolución de conflitos, impartido pola xornalista e experta en ciencias da comunicación, Julia Tábora; Falémoslle de sexo: suxerencias e ferramentas para educar á mocidade na afectividade social, da man da traballadora social do centro Quérote+, Paula Fernández Rico; e Como potenciar as nosas habilidades emocionais? O autocoñecemento, coa psicoeducadora experta en competencias emocionais, Mónica González Blanco.
Entre as 17:20h e as 18:40 horas, terán lugar os obradoiros: Coeducar nenos e nenas máis libres e felices, co profesor de ensino secundario e investigador en xénero e masculinidades, Rubén Torres Campelo; A expresión corporal como ferramenta de empoderamento, coa traballadora social formada en Terapia Gestalt e Terapia Integrativa, Inmaculada García Rodicio; e, por último; Estratexias creativas para a xestión da ansiedade e o estrés, que será impartido pola artista e terapeuta experta en regulación emocional, Reina D’Hoore.
Xornadas nos centros de ensino secundarios
O venres, 24 de novembro, celebrarase unha xornada expositiva nos centros educativos do Concello de Ames, dirixida ao alumando dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro. A xornada estará centrada na impartición da charla A xestión do consentimento e as relacións afectivo-sexuais en mozas e mozos.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La cineasta porno Amarna Miller cuestiona el uso de este tipo de cine como herramienta de educación sexual"
El Correo Gallego: "Masivo interés por las jornadas amienses de igualdad de género"
Lindeiros: "Boa resposta nas VII Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero en Ames"