[13-11-2017] A Concellaría de Mocidade organiza unha nova edición dos cursos de inglés. Este ano como novidade impartiranse dous cursos formativos de distinto nivel: un curso básico (correspondente cos niveis A1/A2) e un curso intermedio PET (equivalente co nivel B1). O prazo de inscrición estará aberto do 13 ao 20 de novembro. As prazas son limitadas ata un máximo de 30 (15 para Bertamiráns e 15 para Milladoiro). O curso terá un custe de 158 euros (suxeito a bonificacións e exencións). Os cursos, dirixido a persoas de 16 anos en diante, empadroadas no concello de Ames e con coñecementos mínimos de inglés (ESO/BUP ou equivalente), celebrarase de novembro a xuño nas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición para participar no curso de inglés.
A Concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, explica que “durante varios anos ofertouse un curso formativo de inglés nivel PET, pero debido ao interese do alumnado de iniciar esta formación dende o primeiro nivel, este ano decidimos ofrecer un novo programa neste curso 2017/18 máis estruturado, para que o aprendizaxe da lingua inglesa lle permita ao alumnado alcanzar todo o seu potencial. É por iso que nesta edición ofertaranse dous cursos formativos de distinto nivel: un curso básico e un curso intermedio. Con esta medida preténdese respectar o ritmo e o nivel de desenvolvemento do alumnado, xa que por unha banda os/as usuarios/as demandaban unha formación de repaso do inglés, e por outra, unha formación encamiñada a examinarse nas probas de Cambridge para a obtención do título PET”.
Os cursos de inglés desenvolveranse de novembro 2017 a xuño 2018, cunha duración de 90 minutos diarios durante dous días á semana. O número máximo de alumnos é de 15 por curso, para obter o máximo aproveitamento das clases, facendo un seguimento regular da evolución da cada un, con avaliacións trimestrais. O curso básico (correspondente cos niveis A1/A2) impartirase na Casa da Cultura do Milladoiro os luns e mércores, mentres que o curso intermedio PET (equivalente co nivel B1 do Marco Europeo Común de Referencia de Linguas Europeas) desenvolverase os martes e xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ambas actividades realizaranse en horario de 20:00 a 21:30 horas.
O curso de inglés básico (adaptado á formación correspondente co nivel A1/A2) é un curso no que se traballarán as catro destrezas principais dun idioma: comprensión e expresión escrita, así como comprensión e expresión oral. Ademais ampliaranse coñecementos de gramática e vocabulario, así como a capacidade do alumnado para comunicarse en inglés.
O curso de inglés intermedio (PET) de Cambridge, equivale ao nivel B1 do Marco Europeo Común de Referencia de Linguas Europeas, e o seu certificado está recoñecido a nivel mundial tanto no sector académico como profesional. Neste nivel, o alumnado debe desenvolver correctamente as destrezas lingüísticas necesarias para defenderse en diversas situacións sociais e laborais nun entorno de fala inglesa. A formación PET cubre as catro destrezas principais: lectura, expresión escrita, comprensión auditiva e expresión oral, e facilita o camiño a títulos máis esixentes como o First Certificate in English (FCE). Antes de comezar as clases deste curso realizarase unha proba de nivel o martes, 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Requisitos e inscrición
Os requisitos para inscribirse nesta actividade son ter de 16 anos en diante, estar empadroado/a no concello de Ames e ter coñecementos mínimos de inglés (ESO/BUP ou equivalente). Este último requisito tan só é necesario para participar no curso de nivel intermedio. Terán preferencia de admisión, sempre que cumpran estes requisitos, as persoas que acrediten estar cursando uns estudos oficiais para os que precisen o certificado de inglés nivel PET (só preciso para o nivel intermedio) e as persoas que se atopen recoñecidas dentro dos grupos de familias de especial consideración (Lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e a convivencia de Galicia).
O prazo de inscrición estará aberto do 13 ao 20 de novembro. A solicitude realizarase cubrindo a ficha de inscrición dispoñible na páxina web www.concellodeames.gal e na OMIX de Ames. O impreso debe entregarse nos rexistros municipais axuntando a copia do DNI e do título de ESO, BUP ou equivalente (só preciso para o nivel intermedio) e a documentación acreditativa da condición de familia de especial consideración para a bonificación de taxas, de situación de emerxencia social para a exención de taxas e/ou de necesidade do certificado para estudos oficiais, de selo caso.
Este curso ten un custo de 158 euros, podendo se o desexa o alumno facer o pago íntegro nunha única cota ou fraccionalo en dous prazos (primeiro prazo de 100 euros do 21 ao 24 de novembro) e segundo prazo de 58 euros (do 1 ao 9 de decembro). As autoliquidacións poderán facerse efectivas en calquera entidade bancaria de ABANCA, BBVA, CaixaBank, Banco Sabadell e Banco Pastor. Ao remate do curso intermedio, se o/a alumno/a o require, facilitarase a tramitación da matrícula para as probas de Cambridge. O custe das taxas de exame, é un gasto alleo ao Concello de Ames, polo que correrá a cargo de cada alumno interesado en matricularse nas probas.
Exención e bonificación de taxas
Terán dereito á exención total das taxas, un 10% das persoas (máximo 3 usuarios/as) en situación de emerxencia social declarados polo Concello de Ames, ao abeiro do disposto no Regulamento de emerxencia social. Ademais, terán dereito a unha bonificación do 20% das taxas as familias de especial consideración, de acordo coa definición e requisitos establecidos na Lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia (BOE 30 xullo 2011).
Para máis información pode poñerse en contacto coa OMIX de Ames a través do número de teléfono 616 083 229 ou no correo electrónico omix@concellodeames.gal