Solapas principales

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza unha andaina solidaria pola ruta de Riamonte

Sábado, 11 de noviembre de 2017

[11-11-2017] A Ruta de Riamonte é o recorrido escollido para a realización da andaina solidaria en apoio ao pobo saharauí, que terá lugar o próximo domingo, 19 de novembro. Organizada pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), a andaina terá un prezo simbólico para as e os participantes: as persoas adultas deberán abonar 5 euros pola súa participación, as crianzas 3€ e os cans 1€. Para asistir ou para obter máis información, pódese chamar aos números de teléfono 646 320 660 e 609 764 945 ou enviar un correo electrónico ao enderezo eybarra.sogaps@gmail.com. A ruta comezará ás 10:00 horas no lugar de Vilar.


A SOGAPS organiza para o vindeiro domingo, 19 de novembro, unha andaina solidaria en apoio ao pobo saharauí, que discorrerá pola Ruta de Riamonte. Haberá dúas opcións, unha máis sinxela, para todos os públicos, e outra máis longa que acadará os 7 quilómetros de recorrido. A ruta, que ten un trazado circular, comezará ás 10:00 horas no lugar de Vilar, na parroquia de Ames. A esa hora entregaranse os dorsais, para ás 10:30h dar inicio á camiñada. O itinerario permitirá coñecer o conxunto etnográficos dos muíños de Riamonte.

O primeiro tramo do percorrido transcorrerá por un vello camiño entre prados e árbores froiteiras, no que se poderá apreciar unha paisaxe tipicamente rural. Posteriormente, iniciarase un segundo tramo que discorrerá ao carón do rego de Riamonte, repleto de multitude de especies e de 11 muíños encadeados, en diferentes estados de conservación. Continuando o ascenso, pasarase pola poza onde se encoraba a auga no verán para o funcionamento dos muíños e na que, hoxe, se poden observar gran cantidade de anfibios. A ruta continuará ata o alto de San Marcos, desde onde se pode contemplar unha espléndida vista do val da Maía. Neste alto, tamén se poden apreciar os restos da ermida de San Marcos. Durante a última etapa da andaina, de descenso, as persoas participantes poderán ver unha das poucas zonas de sobreira que quedan por esta zona.

A participación na ruta inclúe o pagamento dunha cantidade simbólica: 5 euros no caso das persoas adultas, 3 no caso das crianzas e 1€ no dos cans. A inscrición na andaina pódese facer a través dos números de teléfono 646 320 660 e 609 764 945 ou enviando un correo electrónico ao enderezo eybarra.sogaps@gmail.com. A actividade conta coa colaboración do Concello de Ames e de supermercados Gadis. As persoas participantes recibirán un diploma pola súa participación.