[31-10-2017] O próximo domingo, 5 de novembro, terá lugar un paseo interpretativo polas Fragas de Agrón, organizado pola Aula da Natureza. O paseo, que terá unha extensión aproximada de dous quilómetros, discorrerá entre os lugares de Gasamáns e Ferreiros. A actividade, que está dirixida a persoas adultas e a menores de idade acompañados, desenvolverase entre as 10:30h e as 14:00 horas. Para participar é preciso anotarse previamente, enviando o formulario de inscrición -que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova- ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Haberá servizo de autobús, tanto desde o Milladoiro como desde Bertamiráns.
O paseo interpretativo polas Fragas de Agrón do vindeiro domingo, 5 de novembro, discorrerá entre os lugares de Gasamáns e Ferreiros, camiño abaixo cara ao río Tambre. As persoas participantes poderán observar e identificar as diferentes especies características destes bosques atlánticos que son as fragas. Así, progresivamente, irán aparecendo, entre outras especies, carballos, loureiros, pereiras bravas, acivros, arbustos como o ruscus e, xa na ribeira, freixos, abeleiras e salgueiros. Ademais, grazas as choivas que se esperan para estes días, será posible ver un maior número de cogomelos, especialmente de boletus. A actividade está dirixida a persoas adultas e a menores de idade acompañados.
Un biólogo da empresa CPM será o encargado de guiar ás persoas participantes ao longo dos dous quilómetros de extensión do paseo. Para chegar ata o punto de partida, haberá servizo de autobús, que sairá ás 10:15h da Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10:30h da Praza do Concello de Bertamiráns. A volta está prevista para as 14:00 horas.
Tramitación das inscricións
Para participar é preciso anotarse, enviando o formulario de inscrición – que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova – ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. O prazo de inscrición remata o próximo venres, 3 de novembro, ás 14:00h. Para esta actividade, existen un máximo de 40 prazas dispoñibles. Se se quere obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65, en horario de 9:00h a 14:00 horas.
Contido relacionado
Lindeiros: " A aula da Natureza de Ames organiza un paseo interpretativo polas Fragas de Agrón"