Solapas principales

A Casa do Concello acollerá unha charla informativa sobre o programa Convive.Comigo o 9 de novembro

Sábado, 04 de noviembre de 2017

[04-11-2017] O vindeiro xoves, 9 de novembro, terá lugar unha charla informativa acerca do programa Convive.Comigo. Será ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. O programa ten como obxectivo captar, formar e avaliar ás persoas e familias interesadas en acoller a unha ou un adolescente, obrigado xudicialmente a cumprir unha orde de convivencia. Impulsado por Arela, asociación responsable de varias iniciativas de apoio á infancia e á adolescencia, o programa será desenvolto, inicialmente, na provincia da Coruña.


Ánxela Álvarez, traballadora da asociación Arela, será a responsable de impartir a charla informativa acerca do programa Convive.Comigo, que se desenvolverá o vindeiro 9 de novembro, no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. A charla estará enfocada, principalmente, as dúbidas que as persoas e familias interesadas, en participar do proxecto, poidan ter. Nela tamén estarán presentes a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, así como o técnico municipal deste departamento, Leonardo Pena.

O obxectivo principal deste proxecto piloto, que é o Convive.Comigo, é o de dotar de recursos, neste caso de familias ou persoas individuais, aos xulgados, de maneira que estes poidan recoller nas súas sentenzas medidas de convivencia. En Galicia, case nunca se cumpren estas medidas, por causa da falta de persoas e familias dispoñibles para o acollemento. Deste xeito, a maior parte destas sentenzas acaban por ser cumpridas nun centro de menores ou mediante outro tipo de medida xudicial.

A duración media dunha medida de convivencia oscila entre os 6 e os 12 meses, tempo durante o cal a ou o adolescente debe convivir con esa nova persoa ou familia. O que se pretende con isto é ofrecer á persoa adolescente un entorno socializador positivo, que lle ofreza a oportunidade de modificar actitudes e condutas, mudando as circunstancias que motivaron a medida e, polo tanto, procurando a non reincidencia nos mesmos feitos.

A asociación Arela procura persoas maiores de idade, que dispoñan dunha vivenda adecuada e gocen de estabilidade emocional, comprometidas a traballar en equipo e que garantan un alto grao de dispoñibilidade. Valorarase positivamente, asemade, ter participado con anterioridade en programas de acollemento familiar, ter unha formación vinculada ás ciencias sociais e estar dispoñible para a realización de formacións sobre diferentes temáticas vinculadas á adolescencia e a determinados aspectos xudiciais. Durante o proceso de avaliación e formación, que correrá a cargo de Arela, as persoas ou familias interesadas terán que realizar múltiples entrevistas, recibir, ao mínimo, unha visita domiciliaria e asistir a varias sesións formativas. 

As persoas e familias participantes recibirán asesoramento e formación, tanto grupal como individual. Ademais, estarán acompañadas, ao longo de todo o proceso, por profesionais da asociación. O acollemento é financiado pola Xunta de Galicia, con 40 euros por día de convivencia. Todas as persoas interesadas pódense pór en contacto coa asociación Arela a través do enderezo de correo electrónico convive@arela.org.

Contido relacionado


Nós Televisión:"Ames acollerá unha charla informativa sobre o programa Convive.Comigo"