Solapas principales

O espectáculo clown “O valo” será representado o vindeiro luns no CEP de Ventín

Sábado, 28 de octubre de 2017

[28-10-2017] A obra “O Valo”, creada por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, será representada o vindeiro luns, 30 de outubro, perante o alumnado de sexto de Primaria do CEP de Ventín. O espectáculo busca promover, entre as nenas e nenos, unha reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas. A representación do “Valo” encádrase dentro da conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, fixado pola Organización das Nacións Unidas (ONU) o 21 de xuño.

A obra representa o encontro entre unha nena que escapa da guerra e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles. Os protagonistas desta peza son Fran Rei e Saleta Fernández, que actúan baixo a dirección de Iván Prado. “O Valo” está baseada no texto homónimo de Carlos Labraña, gañador con esta obra do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. O vindeiro luns, 30 de outubro, será interpretada perante o alumnado de sexto de Primaria do CEP de Ventín.

A peza, que foi creada por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación, pretende ser unha homenaxe ás persoas refuxiadas, cuxas vidas constitúen o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan aos seres humanos. A representación da obra encádrase dentro da conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, fixado pola ONU o 21 de xuño. Após ter recorrido varios concellos galegos ao longo destes meses, a peza, que está cofinanciada pola Xunta de Galicia, recalará o vindeiro luns en Ames. 

Os Pallasos en Rebeldía defínense como un espazo do teatro galego creado para traballar a cooperación internacional a través da risa. Naceron no 2004, durante unha visita a Chiapas, en México. O grupo teatral considera que o clown desenvolve unha función protectora de valores sociais como a crítica, o dereito a rir ou a superación dos complexos mediante a cura que ofrecen as gargalladas. O Fondo Galego de Cooperación, pola súa banda, está integrado por unha rede de máis de 90 concellos e polas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra. O fondo, fundando en 1997, centra os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento, a través de proxectos en países do sur global e de campañas de sensibilización da sociedade galego, en prol da solidariedade internacional.