[26-10-2017] O curso preparatorio para a obtención do título de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), para maiores de 18 anos, volve un ano máis á Escola Municipal de Adultos . Para inscribirse ou obter máis información, as persoas interesadas poderán pasar polas oficinas do departamento de Educación, situadas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou chamar ao número de teléfono 981 891 476. As aulas, que son impartidas por unha técnica municipal deste departamento, comezarán o vindeiro 6 de novembro e desenvolveranse os luns e os martes, en horario de 9:30h a 13:00 horas. A matrícula do curso, que é gratuíto, está aberta todo o ano, porén recoméndase seguir as aulas desde o seu inicio.
Cada ano, son preto de 40 as persoas que preparan o exame de obtención da ESO a través da Escola Municipal de Adultos de Ames, un servizo dependente da Concellaría de Educación. Dividido en dous cuadrimestres, o curso conta con catro módulos por período, que se corresponden cos catro anos da Educación Secundaria Obrigatoria. Cada un destes módulos inclúe as áreas de comunicación (galego, castelán e un terceiro idioma), socias e ciencias e tecnoloxías. O obxectivo é que o alumando se presente ao exame libre que a Consellaría de Educación convoca anualmente a finais de curso.
Como novidade deste ano, as aulas pasarán a ser impartidas en horario de mañá, de 9:30h a 13:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O curso tamén inclúe un servizo de titoría clave á hora de preparar as probas finais. Na súa organización, tense en conta o perfil do alumando e valóranse diferentes factores que abranguen desde a idade á formación inicial, a dispoñibilidade persoal de asistencia ou a procedencia de cada persoa.
A matrícula está aberta todo o ano
A Escola Municipal de Adultos non esixe unha asistencia obrigatoria, senón que esta queda en función das posibilidades de cada alumna e alumno. A matrícula permanece aberta todo o ano, aínda que é recomendable que o alumnado asista ás aulas ao longo de todo o curso. A inscrición pódese facer no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, así como nas Oficinas Municipais do Milladoiro (rúa de Abaixo, 10). Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Educación, ao 981 891 476. O curso é gratuíto.