[23-10-2017] O Obradoiro Alí desenvolveuse o pasado sábado no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Contou con dous grupos, un de mañá e outro de tarde, que no total sumaron 42 persoas participantes. Dirixido ao persoal das escolas infantís, públicas e privadas, así como ao profesorado de infantil das EEI e dos CEIPS do concello, o obradoiro tivo como obxectivo facer máis visible o material existente en galego para a primeira infancia, contribuíndo, deste xeito, a que as crianzas se apropien do mundo na nosa lingua. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, acudiu ao obradoiro para agradecer a asistencia das persoas participantes.
O pasado sábado, 42 profesionais do ensino infantil tiveron a oportunidade de coñecer diferente material en galego para a primeira infancia, a través do Obradoiro Alí. Deste xeito, a actividade baseouse na achega de material actualizado, presentado da man de propostas didácticas pensadas para seren empregadas nas aulas.
O que se buscaba coa realización desta xornada formativa era facer máis visible o material en galego existente para esta primeira etapa do ensino, co obxectivo de contribuír a que as nenas e nenos se poidan apropiar do mundo en galego, aprendendo dunha maneira lúdica, e sen prexuízos, a expresar o seu enxeño, a desenvolver a súa sensibilidade e a manifestar as súas habilidades e emocións, potenciando as súas capacidades sensoriais. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, acudiu ao Obradoiro Alí para agradecer a asistencia das persoas participantes, así como o interese mostrado neste tipo de obradoiros que apostan polo ensino en galego e a súa promoción e posta en valor entre as máis cativas e cativos.
O obradoiro, que estaba dirixido ao persoal das escolas infantís, públicas e privadas, así como ao profesorado das EEI e dos CEIPs do concello, centrouse nas dinámicas diarias das aulas: cancións de transición, ideas para as asembleas, xogos para a hora do patio... Da mesma forma, nel tamén se proporcionaron contidos do curriculum educativo da Educación Infantil, ideas de proxectos temáticos, contos, xogos e material audiovisual e musical ligado ás diferentes celebracións do ano.