[19-10-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, colabora coa Asociación Española contra o Cancro (AECC), na conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mamá. Deste xeito, chapas e lazos serán repartidos ao longo do día de hoxe, tanto na Casa do Concello como nas oficinais municipais e de Servizos Sociais do Milladoiro e Bertamiráns. Ademais, o vindeiro xoves, 26 de outubro, o local de JUPEMI acollerá unha charla sobre o cancro de mama, que será impartida por dúas das psicólogas da AECC. Varios comercios do concello tamén están a colaborar coa causa, mediante o impulso de diferentes iniciativas.
Este xoves, 19 de outubro, conmemórase o Día Mundial do Cancro de Mama. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, súmase á conmemoración colaborando coa AECC, na posta en marcha de varias iniciativas. Así, ao longo do día de hoxe, diferente material da asociación será repartido na Casa do Concello de Bertamiráns, así como nas oficinas municipais e de Servizos Sociais desta localidade e do Milladoiro. De igual maneira, hoxe tamén se repartirán, nestes puntos, unhas chapas co típico lazo rosa, realizadas polo propio Concello.
Alén diso, son varios os comercios amesáns que están a colaborar coa causa a través de diferentes iniciativas. O salón de peiteado, Julia G é un deles. Situado no Milladoiro, este comercio ten á venda diferente material da AECC. Pola súa banda, o salón de estética, Mímate, en Bertamiráns, organiza para este sábado, entre as 10:00h e as 20:00 horas, un maratón solidario de manicura.
As actividades vinculadas á conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mamá complétanse coa organización dunha conferencia. A charla informativa, que tratará sobre a prevención deste cancro, será impartida por dúas das psicólogas da AECC, Lucía Álvarez-Santullano e Aroa Gutiérrez. Esta conferencia desenvolverase o vindeiro xoves, 26 de outubro, ás 18:00 horas, no local de JUPEMI, no Milladoiro. Nela, as dúas psicólogas tratarán de desmitificar ideas preconcibidas sobre o cancro, potenciando, asemade, unha actitude positiva por parte dos pacientes e das familias fronte a enfermidade. A AECC tamén estará este domingo, 22 de outubro, na carreira popular pedestre de Ames, cunha mesa informativa. Nesta carreira, xunto cos dorsais tamén serán entregadas as chapas realizadas polo Concello.
A Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo destaca a importancia da colaboración do Concello nestas iniciativas: “Con estas pequenas accións queremos mostrar o noso apoio incondicional a todas esas mulleres, sen esquecernos tampouco dos homes, que loitaron, loitan ou loitarán con forza e positividade ante esta enfermidade. Temos que ter sempre presente que o cancro non discrimina e pode tocarlle a calquera. Temos que concienciarnos de que a prevención é fundamental e a nosa actitude cara a enfermidade ten moito que ver na súa superación. Sobre todo, é fundamental ter presente que neste proceso non se debe estar só, que hai asociacións como AECC que están a traballar para acompañar, axudar e sensibilizar.”
Contido relacionado
Lindeiros: "Ames conmemora o Día Mundial do Cancro de Mama"
Ames Go: "A loita contra o cancro estará presente na carreira popular do 22-O"