Solapas principales

O Concello de Ames organiza o 21 de outubro a primeira Festa do millo no paseo fluvial de Bertamiráns

Martes, 17 de octubre de 2017

[17-10-2017] O Concello de Ames organizou unha novidosa actividade para este mes de outubro. Trátase da primeira Festa do Millo que se vai a desenvolver na contorna do paseo fluvial de Bertamiráns, este sábado, 21 de outubro, de 16:30 a 19:30 horas. Haberá obradoiros de escanado, esfollado, debullado, crebado de millo. Tamén se fará unha muiñada e un obradoiro de peneirado de fariña. Montarase unha exposición de apeiros para o traballo do millo. As persoas que asistan a dita festa poderán acudir caracterizados de labregos/as galegos/as. Por último, haberá, contos do muíño, música tradicional galega e degustación de flocos de millo.

A recolleita do millo é un dos tradicionais traballos de outono do agro galego. Deste xeito, o Concello de Ames decidiu organizar para este sábado, 21 de outubro a primeira Festa do millo, que se desenvolverá de 16:30 a 19:30 horas, no paseo fluvial de Bertamiráns.

Haberá unha exposición de apeiros para o traballo do millo: Beso, Grade, Canizo, Sementadora, Sachadora, esfolladores, debulladora, Atadores, Cribas e Peneiras. Todo este material será prestado por veciños e veciñas do rural de Ames. As pezas máis grandes estarán colocadas nas inmediacións das jaimas, onde se realizarán diversos obradoiros. A carón dos apeiros poñeranse uns letreiros co nome e o uso dos mesmos. Tanto as jaimas como a contorna estarán ambientadas con trenzas, medas e fachicos de millo.

Tamén se impartirán diferentes obradoiros, que mostrarán os diferentes traballos do millo, dende a colleita ata a conservación, a transformación en fariña e usos da planta do millo. Así, comezarase coa actividade de escanado, que consiste es separar as mazarocas das canas (coas canas iranse facendo medas, pallotes, monllos e fachicos). De seguido, pasarase ao esfollado, no que se separarán as mazarocas das follas que as recobren e que se coñecen co nome de "poma" ou "panoia" (con estas follas, secadas ao sol e limpas, faranse pequenos "xergóns" e bonecas).

Proceso de debullado e muiñada
O proceso continúa co obradoiro de debullado a través do cal se quitará o gra da mazaroca ata deixar pelado o carozo. Verase o xeito tradicional de facelo e coas mazarocas faranse diferentes construcións e xoguetes. Este é un dos traballos que máis lles gusta aos nenos e nenas. No obradoiro de crebado separarse o millo bo, que irá ao muíño, de restos e cachos de follas, pallas e grans mal formados (pasarase antes pola criba).

Unha vez crebado o millo meterase en sacos e formando un capucho levaranse sobre a cabeza ata o muíño, onde se realizará a muiñada. Dous veciños aprenderanlle aos participantes o funcionamento do muíño e tamén a diferenciar a fariña boa, que é a que cae preto da pedra, da fariña para pitos, que é a que cae máis lonxe. Por último, haberá que peneirar a fariña pasándoa pola peneira.

Para participar nestes obradoiros non é preciso inscribirse previamente. Tan só hai que acudir á festa é participar neles. A feira estará amenizada con actuacións da Asociación Cultural Os Castros e de varias cantareiras. As persoas que asistan a dita festa poderán acudir caracterizados de labregos/as galegos/as. Por último, haberá contos do muíño e degustación de flocos de millo. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal



Contido relacionado


Ames Go: "O 21 de outubro celébrase a Festa do Millo en Ames"