Solapas principales

O Pleno aproba o proxecto técnico de arranxo da urbanización do PM5-03 que está situada entre a rúa Figueiras e a travesía da Moa do Milladoiro

Viernes, 29 de septiembre de 2017

[29-09-2017] A corporación municipal aprobou por unanimidade o proxecto técnico de arranxo da urbanización do PM5-03 do Milladoiro; o novo proxecto modificado da obra de reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo das piscinas públicas municipais do Milladoiro; e unha moción sobre o Pazo de Meirás presentada polo BNG. Asemade, aprobouse por maioría absoluta a primeira modificación puntual do regulamento de bolsas de traballo; as ordenanzas reguladoras do prezo público e da taxa pola actividade do cemiterio municipal; e unha proposta presentada por Ames Novo para unha compra pública socialmente responsable.

Proposta para unha compra pública socialmente responsable
Por outra banda, aprobouse unha proposta presentada por Ames Novo na que se solicita que se elabore unha normativa reguladora e un manual de compra pública socialmente responsable para todas as compras de bens ou servizos que realice o Concello. Tamén se pide que se avalíe a posibilidade de crear un selo de calidade municipal ou etiqueta que certifique a achega das empresas á economía do Ben Común mediante uns indicadores ou estándares verificables obxectivamente por un organismo municipal transparente e participativo, así como impulsar a formación dos responsables de contratación, intervención e asesoramento xurídico na aplicación de criterios de compra pública socialmente responsable. Esta proposta aprobouse cos votos a favor dos membros do goberno, dos concelleiros/as de Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os edís do Partido Popular e de Pacto por Ames abstivéronse.

Moción sobre o Pazo de Meirás
O punto do pleno de setembro que máis debate creou foi unha moción presentada polo grupo municipal do BNG sobre o Pazo de Meirás. O grupo do PSdeG e de Contigo Pódese apoiaron dende un primeiro momento a proposta presentada polo BNG. Así tamén o fixo o grupo municipal de Ames Novo pero anunciou a engádega de dous puntos sobre o texto inicial. Dende o grupo de Pacto por Ames pediron nun primeiro momento que se retirase a moción e se fixera unha declaración institucional entre todos os grupos políticos. Por último, dende o grupo municipal do Partido Popular propuxeron a modificación de varios puntos do texto inicial.

Tralas quendas de intervención de cada un dos voceiros/as chegouse ao acordo de facer un receso de 10 minutos co obxectivo de chegar a un acordo no texto final de dita moción, xa que no fondo estaban todos/as de acordo, pero tan só había diferencias en como redactar dito acordo. Deste xeito, fíxose unha breve pausa para acordar a moción definitiva, que posteriormente foi aprobada por unanimidade. Coa aprobación de dita proposta acordouse declarar a Fundación Franco non grata no Concello de Ames e facer unha condena pública das declaracións da Fundación Franco nas que expresaba a súa intención de usar as visitas guiadas ao Pazo para facer apoloxía da Ditadura e do Ditador.

Ademais, acordouse instar ao goberno do Estado a facer as modificacións legais precisas para a ilegalización da Fundación Franco; realizar un estudo ao redor do espolio e apropiación do Pazo de Meirás por parte da familia Franco e sobre o proceso para posibilitar a súa devolución e incorporación ao patrimonio público, sen que esa incorporación supoña ningún novo custo para pobo de Galicia; respaldar, participar e impulsar, dentro das competencias que lle corresponden ao Concello de Ames, as iniciativas que se desenvolvan para garantir o cumprimento do acordado e a consecución dos seus obxectivos, e dar traslado do seguinte acordo á Xunta de Galicia e aos grupos con representación no Parlamento de Galicia, nas Cortes Xerais do Estado, Deputación Provincial, así como ao Goberno do Estado.

Ordenanzas reguladoras do cemiterio municipal
Outro asunto aprobado foi a ordenanza da taxa pola actividade do cemiterio municipal, que regula os cambio de titularidade, despois da autorización municipal, de concesións sobre terreos e sepulturas en dito cemiterio (275 euros); o permiso de apertura de toda clase de sepulturas para inhumacións ou exhumacións e ocupación daquelas no primeiro caso (30 euros); e o permiso de retirada de restos dos cinceiros, tumbas, nichos e panteóns a Osario xeral sen apertura (30 euros).

Tamén se establecen diversas taxas polo permiso de instalación de lápidas (40 euros); instalación de cruces ou calquera outro tipo de símbolos en tumbas (45 euros); polo permiso de reparación de lápidas (25 euros) e reparación de cruces ou calquera outro tipo de símbolos en tumbas (30 euros). Por último dita ordenanza recolle as taxas por certificación da concesión no rexistro municipal de panteóns, tumbas, nichos e cinceiros (20 euros); traballos de conservación e vixilancia para nichos individuais (20 euros) e para tumbas e panteóns completos (40 euros). Ademais, establécense unha serie de exencións de pago. Este asunto foi aprobado cos votos a favor dos membros do goberno, dos concelleiros/as de Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os edís do Partido Popular e de Pacto por Ames abstivéronse.

Ademais, aprobouse a ordenanza que regula o prezo público polos servizos do cemiterio municipal. Este punto saíu adiante cos votos a favor dos membros do goberno, dos concelleiros/as de Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os edís do Partido Popular e de Pacto por Ames abstivéronse. Os servizos para os que se propón establecer un prezo son os de apertura e peche de cinceiro (35,71 euros), nicho (85,88 euros), tumba (128,82 euros) e sepultura especial (162,72 euros). Tamén se establecen os prezos de apertura a osario e peche de cinceiro (45,65 euros), apertura a osario e peche de nicho (90,85 euros), apertura a osario e peche de tumba (155,38 euros), apertura a osario e peche de sepultura especial (189,28 euros). Asemade, establécense os prezos polo uso do servizo da sala de autopsias (136,73 euros por día), servizo de capela (70,06 por cada servizo), e polo servizo da sala velorio (228,26 por 24 horas; 342,39 por 36 horas e 456, 52 por 48 horas).

O pleno ordinario de setembro comezou coa corporación municipal aprobando por unanimidade o novo proxecto modificado da obra de reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo das piscinas públicas municipais do Milladoiro. A continuación, tamén se aprobou por unanimidade o proxecto técnico de arranxo da urbanización do PM5-03 do Milladoiro. O concelleiro de Urbanismo, Blas García, indicou que deste xeito se trata de regularizar a situación irregular duns bloques de vivendas que se atopan entre as rúas Figueiras e da Moa e entre a Travesía do Porto e a a rúa Costa Grande.

O proxecto de construción de ditos bloques de vivendas foi aprobado no ano 2003. Posteriormente, en 2005 os promotores da obra solicitaron a súa recepción, pero as obras non foran executadas tal e como marcaba o proxecto, polo que se lle requiriu á empresa promotora que realizaran as obras necesarias para adaptar os bloques de vivendas ao que marcaba o proxecto. A pesar de executar estas obras continuou sen adaptarse ao proxecto, polo que o Concello fixo unha incautación de avais por valor de 532.000 euros. A empresa promotora denunciou ao Concello e en 2011 saíu a sentenza que foi favorable ao intereses da Administración local.

En 2015 coa entrada do actual goberno realizáronse varias reunións cos veciños/as deste lugar para tratar de resolver unha situación que leva estando de xeito irregular dende hai máis de 10 anos. Dito sector está plenamente desenvolvido tanto a nivel de edificación como de urbanización, pero presenta diversas deficiencias, sendo unha delas o incumprimento da normativa en materia de accesibilidade. Así as obras que haberá que executar para paliar ditas deficiencias consisten na remodelación dunha ampla zona verde pública xunto cos seus accesos e superficies adxacentes de uso público.

A remodelación proposta supón principalmente acadar o cumprimento da obriga de accesibilidade á referida zona verde. Para o financiamento desta obra o Concello incautou avais por valor de 356.818,30 euros. Coa aprobación deste proxecto poderase abrir un proceso de licitación para adxudicar as devanditas obras. Estes bloques de vivenda están sen recibir por parte do Concello e polo tanto as vivendas non contan con licenza de primeira ocupación. Trátase de arranxar unha vella reclamación da veciñanza deste lugar do Milladoiro.

Por outra banda aprobouse cos votos a favor dos membros do goberno, dos concelleiros/as de Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, a primeira modificación puntual do regulamento de bolsas de traballo. Os edís do Partido Popular e de Pacto por Ames abstivéronse neste punto. O pasado 13 de setembro a Mesa Xeral de Negociación ratificou o acordo tomado na Comisión de seguimento de bolsas de traballo sobre a modificación puntual do regulamento de bolsas de traballo do Concello de Ames. O devandito regulamento afecta ás bolsas que na actualidade están activas e permitirá facer un desdobre destas listas, para que haxa dúas listaxes diferentes (unha para cubrir interinidades e outra para contratacións temporais).



Contido relacionado


Ames Go: "A Fundación Francisco Franco é declarada non grata no concello de Ames"
La Voz de Galicia: "El pleno amiense declara non grata a la Fundación Franco con un acuerdo unánime"
Lindeiros: "Reformas no Milladoiro e compras responsables no pleno de Ames"