Solapas principales

A Casa do Concello de Ames tinguirase de morado para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer

Miércoles, 20 de septiembre de 2017

[20-09-2017] Na noite deste xoves, 21 de setembro, a Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, estará alumeada de morado para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer. A exposición fotográfica “Lembranzas”, que relata o día a día de persoas con Alzheimer, pódese visitar na Casa da Cultura do Milladoiro ata o vindeiro 30 de setembro.

O Concello de Ames, a través da concellaría de Servizos Sociais, súmase á conmemoración do Día Mundial do Alzheimer, tinguindo de morado a Casa do Concello. A iniciativa fai parte da campaña da Federación Alzheimer Galicia “Recorda quen son”, que procura sensibilizar sobre aqueles aspectos que deben axudar a mellorar a calidade de vida das persoas con demencia e das súas familias.

A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, destaca a importancia destas iniciativas á hora de “reivindicar o respecto cara a dignidade das persoas con Alzheimer, o respecto da súa autonomía e o recoñecendo dos seus dereitos, facendo, ao tempo, especial fincapé na figura da coidadora ou coidador, recoñecendo a súa figura, dándolle especial valor e visibilizando a súa labor”.

A exposición “Lembranzas”
Organizada pola Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzheimer (AGADEA), a exposición “Lembranzas” buscar achegar á sociedade o día a día das persoas con Alzheimer e sensibilizar sobre a importancia da súa loita, que pode afectar en Galicia arredor dunhas 100.000 persoas. A exposición, que conta coa colaboración do Concello de Ames, está conformada por fotografías que pertencen ás usuarias e usuarios do servizo de estimulación terapéutica de Santiago de Compostela; o fotógrafo Manuel Paz e Jina Estrada Photo tamén contribuíron achegando as súas propias fotografías. A mostra permanecerá na Casa da Cultura do Milladoiro ata o vindeiro 30 de setembro.