Solapas principales

O 31 de agosto remata o prazo para que os medios interesados en optar á contratación de publicidade institucional do Concello presenten a documentación requerida

Viernes, 25 de agosto de 2017

[25-08-2017] O Concello de Ames presentou o pasado xullo as bases orientadoras para a contratación da publicidade institucional do Concello. Agora, os medios de comunicación interesados teñen ata o vindeiro 31 de agosto para presentar no Rexistro a documentación requirida para, posteriormente, poderen ser tomados en consideración á hora de contratar campañas publicitarias.

A iniciativa, que é pioneira, busca regular o investimento municipal no eido da publicidade institucional e dotar de transparencia os procesos de contratación cos medios. De igual maneira, estas bases teñen como obxectivo garantir a utilidade pública e a racionalidade na distribución da publicidade oficial, así como contribuír á consolidación dun espazo de comunicación plural.

Para optaren á contratación de publicidade no Concello de Ames, os medios de comunicación teñen ata o vindeiro 31 de agosto para entregaren a documentación requirida. Así, no caso dos medios gráficos, estes deberán proporcionar a documentación relativa á súa difusión, a cal deberá estar auditada por organismos recoñecidos ou por facturas nas que consten a tiraxe de exemplares das tres últimas edicións. No caso de seren medios de comunicación electrónicos, estes deberán facilitar información referida ao tránsito das visitas a través dalgunha ferramenta de estatística (facendo constar as visitas do último semestre).

As empresas de publicidade en vía pública e cartelaría deberán entregar un mapa do concello no que se indique a distribución dos espazos de publicidade. Pola súa banda, as radios e canles de televisión deberán facilitar a súa grella de programación, na que apareza recollida a porcentaxe de produción local. Asemade, e independentemente da súa categoría, todos os medios deberán facer entrega dunha copia dos TC2 (a relación nominal de traballadoras e traballadores afiliadas e afiliados a unha conta de de  cotización) ou calquera outro documento acreditativo que xustifique o número de empregadas e empregados declarados. 

A Comisión Técnica de Publicidade
A Comisión Técnica de Publicidade do Concello de Ames, está conformada por cinco técnicas e técnicos do Concello nomeados polo alcalde, José Miñones, en materia de: servizos económicos; turismo; cultura, deportes, educación, medio ambiente, mocidade e servizos sociais; normalización lingüística; e comunicación.

Así, á hora de avaliar aos medios de comunicación terase en conta a difusión e a audiencia (máximo 5 puntos), as condicións do medio (máximo 4 puntos), os contidos en galego (máximo 7 puntos) e a responsabilidade social (máximo 5 puntos). Cando sexa necesaria a contratación dunha campaña de publicidade, engadíranse a estes criterios a tarifa presentada por cada medio, cun máximo de 15 puntos que se lle outorgarán ao medio que presente a tarifa máis baixa.