[18-08-2017] O Concello de Ames realizou esta mañá, ás 12:00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e diante das oficinas municipais do Milladoiro en repulsa do dobre atentado perpetrado nas últimas horas en Barcelona e Cambrils. Deste xeito, gardouse un minuto de silencio como mostra de apoio aos familiares e as vítimas destes atentados. As bandeiras da Casa do Concello ondean a media hasta.
Os membros da corporación municipal, os/as traballadores/as municipais, e moitos veciños e veciñas, que se achegaron ata a praza do Concello, mostraron esta mañá a súa repulsa ante o dobre atentado terrorista que ocorreu onte pola tarde na cidade de Barcelona e posteriormente, de madrugada, na localidade tarraconense de Cambrils. O goberno municipal expresa a súa firme condena ante este novo acto terrorista.
Unha furgoneta atropelou onte pola tarde a decenas de persoas que paseaban pola zona peonil das Ramblas, un dos lugares máis concorridos e turísticos de Barcelona. Este suceso deixou 13 persoas falecidas e máis dun cento de persoas feridas. Posteriormente, durante a madrugada deste venres outro vehículo entrou na localidade tarraconense de Cambrils coa intención tamén de atropelar a varios viandantes. Neste segundo atentado quedaron feridas varias persoas, das cales unha faleceu esta mañá.




