Solapas principales

O I Certame de Música Popular de Ames celébrase este sábado na praia fluvial de Tapia

Sábado, 29 de julio de 2017

[29-07-2017] O certame terá lugar mañá sábado, 29 de xullo, a partir das 20:30 horas, na praia fluvial de Tapia. Organizado pola Asociación Cultural Lojo Batalla, en colaboración co Concello de Ames, contará coa participación de catro coros e unha coral.

O Concello de Ames convida a toda a veciñanza amesá a asistir este sábado, 29 de xullo, ao I Certame de Música Popular de Ames. O certame contará coa participación do Coro Lojo Batalla, do Coro de Ames e Piñeiro, do Coro Son Elas e do Coro Nosa Señora do Corpiño. Tamén participará deste certame a Coral de Amigos de Javier Otero.

O nome da asociación organizadora, Lojo Batalla, fai referencia a Óscar Lojo-Batalla Sampedro, alcalde de Ames durante o período republicano. Nado en 1873 na aldea amesá de Vilouta, na parroquia de Tapia, emigrou sendo moi novo a Arxentina. De volta da emigración, foi nomeado alcalde de Ames a principios dos anos trinta e elixido como tal en 1931 coa instauración da República. Como alcalde foi o fundador de varias escolas, costeando do seu propio peto a construción da escola de Tapia. De igual maneira, tamén foi o responsable da creación dunha feira de gando e produtos do campo en Barouta. Cesado en agosto de 1936, morreu na aldea de Vilouta en 1963.