Solapas principales

O obradoiro didáctico de urbanismo e patrimonio “A Vila do Mañá” rematou o pasado venres en Bertamiráns

Lunes, 10 de julio de 2017

[10-07-2017] Entre o 3 e o 7 de xullo, desenvolveuse na Escola de Verán de Bertamiráns o proxecto “A Vila do Mañá”, un obradoiro didáctico de urbanismo e patrimonio, a través do cal nenas e nenos amesáns repensaron os espazos nos que viven e deseñaron estratexias de mellora dos mesmos. Entre o 7 e 11 de agosto, serán as nenas e nenos do Milladoiro os encargados de reflexionar sobre o seu entorno. Todas as actividades contaron co apoio e participación das monitoras e monitores da Escola de Verán.


Co obxectivo de crear unha actitude crítica desde a infancia, o proxecto “A Vila do Mañá” tenta transmitir ás nenas e nenos a idea de que a cidade é un espazo de acción, que se pode transformar pensando nas necesidades de todas e todos, tamén das e dos máis pequenos. O proxecto tamén pretende situar a vida das nenas e nenos nas rúas, afastándoos do uso abusivo das novas tecnoloxías. Con isto como elemento central, as rapazas e rapaces participantes da Escola de Verán de Bertamiráns, realizaron diferentes actividades e saídas pola vila ao longo da semana pasada.

Divididos por idades(entre os 4 e os 7 anos; e entre os 8 e os 12), o primeiro grupo realizou as actividades en espazos pechados, mentres que o segundo realizou diferentes saídas por Bertamiráns. Desta maneira, as e os máis pequenos realizaron, entre outras actividades, a construción dunha cidade con caixas e descubriron as texturas dos diferentes materias. Pola súa banda, as e os máis maiores da Escola de Verán fixeron outras como a da “invasión” da praza da Casa do Concello, en Bertamiráns, con ducias de cintas vermellas e brancas espalladas por todo o espazo. Deste xeito, e durante unhas horas, fixeron súa a praza, tornándoa nun espazo ideal para o xogo.

A vila do mañá
Ao proxecto “A Vila do Mañá” espéralle un verán cheo de actividades. Ao longo do período estival estará, alén de en Ames, en municipios como Verín, A Pobra do Caramiñal e Mondoñedo. A primeira vez que se levou a cabo foi no municipio de Rianxo, o pasado mes de decembro. Ao finalizar o proxecto en cada unha das vilas, publicarase un libro no que se recollan todas as actividades, conclusións e ideas para a vila do futuro.

O concelleiro de Urbanismo, Blas García, amosou a súa satisfacción porque o concello de Ames sexa dos primeiros en formar parte desta iniciativa creada polas arquitectas Sandra González e Emma López, coa colaboración da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal). "É moi interesante para este Goberno ver desde os ollos da infancia a imaxe que teñen dos núcleos de Bertamiráns e de Milladoiro", apuntou o concelleiro de Urbanismo; incidindo en que "esa visión serviramos para o deseño de zonas urbanas nas que deban de usar e desfrutar os máis pequenos e os máis mozos, xa que moitas veces non se ten en conta a súa opinión e as súas necesidades".