[01-07-2017] A partir desde 1 de xullo e a ata o próximo 31 de agosto, estará en funcionamento o servizo de bibliopiscinas do concello de Ames. Este sábado comezará na praia fluvial de Tapia e, a partir do vindeiro luns, tamén o fará nas piscinas municipais do Milladoiro e Bertamiráns.
Este sábado volve o servizo de bibliopiscinas do concello de Ames, que procura achegar a lectura a algúns dos espazos de lecer típicos do verán. Así, desde o 1 de xullo e ata o próximo 31 de agosto, haberá unha bibliopiscina despregada en cada un dos tres puntos cardinais do verán amesán: a praia fluvial de Tapia e as piscinas municipais de Bertamiráns e Milladoiro.
Cada unha delas contará cunha monitora ou monitor especializado, a excepción dos fin de semana, que haberá dúas persoas encargadas da bibliopiscina de Tapia. Cada unha das bibliopiscinas contará con libros, xogos tradicionais e de mesa para as máis pequenas e pequenos da casa, así como con xornais e libros para un público máis adulto. Quen queira gozar deste servizo poderá facelo en horario de 16:00h a 20:00 horas, de luns a venres, en Milladoiro e Bertamiráns; e de martes a domingo, en Tapia, tamén no mesmo horario.
Un verán cheo de actividades para as nenas e os nenos
O servizo de bibliopiscinas inclúe tanto actividades de animación á lectura, como lúdicas. As primeiras integran, entre outras, contacontos e obradoiros complementarios de lectura. Entre as segundas, sobresaen algunhas como, por exemplo, os obradoiros de construción de instrumentos musicais e os de papiroloxía con papel reciclado; asemade, tamén haberá actividades ligadas aos xogos tradicionais e populares, así como outras de cariz deportivo, tanto dentro como fóra da auga.




